NOTICIAS A LIMIA | O festival Cinema Circulante chega a Calvos de Randín este venres
A primeira edición do festival Cinema Circulante chegará este venres a Calvos de Randín, onde contarán con varias actividades programadas ao longo da tarde e na noite. Esta iniciativa cultural de Norte Catro Cinema, está a percorrer dende o 1 de xullo vata o día 10, diversos puntos da xeografía galega que teñen en común unha cousa, son poboacións de menos de 5.000 habitantes.
O inicio deste festival tivo lugar o concello de Trabada e, a partir de aí, desprazouse por varias localidades de Lugo e Ourense. En territorio ourensán, ademais de Calvos de Randín, Cinema Circulante xa visitou Rubiá, continuará este xoves en Monterrei e as súas últimas tres paradas serán en Maside, Carballeda de Avia e Beariz.
As actividades en Calvos de Randín comezarán ás 17:30 horas co obradoiro infantil Sementando Cineastas na Casa da Cultura, previa inscrición na Casa do Concello. Os cativos terán a oportunidade de adentrarse no mundo do cine da man da cineasta galega Noemí Chantada.
A medianoite rematarán as actividades cun coloquio coa cineasta Noemía Chantada
A programación continuará ás 18:30 horas con Cinema e Memoria, unha actividade adicada aos máis maiores para os que se proxectarán tres curtas e poderán participar nun coloquio sobre as súas lembranzas e vivencias. Esta proposta tamén terá lugar na Casa da Cultura.
A última hora da tarde, ás 21:00 horas, comezará o Serán Musical coa actuación do grupo de música popular Gure Terra, na Praza Laborada. Tamén alí, proxectaranse catro curtas a partir das 22:30 horas para desfrutar dunha sesión de cine nocturna na rúa. "Xoves de Comadres", dirixida por Noemí Chantada será unha das curtas que se visionarán.
O festival Cinema Circulante rematará a medianoite con Baixo as Estrelas, un coloquio aberto cos participantes que terán, no caso de Calvos de Randín, coa cineasta Noemí Chantada. A programación ao completo pódese consultar aquí.