O alcalde de Calvos de Randín ven de asegurar que os animais da granxa próxima á parroquia de Santiago de Rubiás -Concello de Calvos de Randín- se atopan en bo estado e non están malnutridos nin nunha situación de abandono coma viña denunciando a asociación animalista Pro Animales Xinzo xunto a diversos veciños do lugar.
O lugar foi visitado onte polo equipo do Diario do Limia e nel puidéronse obter diversas probas fotográficas que amosan as pésimas condicións dos cans e ovellas da granxa -destacan as feridas dos mastíns, a súa delgadez extrema, problemas na pelaxe... -.
O político conta que, tanto el coma as autoridades competentes, acudiron tamén onte á zona na que permanecen os animais e defende que "todos se atopan nun bo estado e están ben alimentados" . Asegura que nas fotos se pode ver a un can con mal aspecto e cos ollos caídos debido a súa avanzada idade, pero en ningún caso é por motivos de abandono nin por malos coidados.
O alcalde di que non sabe se nalgún outro momento os animais puideron estar en mellor ou peor estado, pero sí defende que "neste momento, este é un caso de calumnia indebida", pois na visita que realizara non viu ningún can nin outro animal que estivera mal coidado.