NOTICIAS A LIMIA | Unha ducia de cans, algúns de meses, languidecen nunha granxa case abandonada en Calvos
A voz de alarma deuna a asociación animalista Pro Animales Xinzo, quen nas súas redes publicou imaxes difíciles de crer nos tempos que corren. E un equipo de Diario do Limia tivo esta mesma mañá de mércores a oportunidade de comprobalo no lugar. A escasos metros do cemiterio da parroquia de Santiago de Rubiás, no Concello de Calvos de Randín, malviven, con evidentes síntomas de malnutrición unha decena de cans, aínda que tamén unha trintena de ovellas que só se alimentan do escaso pasto que a propiedade pechada lles proporciona.
Os veciños do lugar xa deron a voz de alarma polo estado no que se atopan, sobre todo, os cans. Unha das femias, como así nos aseguran, deu a luz a uns oito canciños, dos que algúns acabaron morrendo de inanición preto do cemiterio, ante a imposibilidade de que súa nai os alimentase pola falta de nutrientes dela mesma. Esa mesma cadela, acabou adoptando algúns cativos doutra compañeira de aventuras aos que tamén amamanta na medida das súas posibilidades: presenta unha evidente e grave desnutrición e, por momentos, non se ten de pé.
Esta mañá deambulaba por fóra da propiedade, na que se atopaban, alomenos, outro can de grandes dimensións e tamén con lixeira desnutrición, cinco cánidos máis pequenos que corrían tras del nunha evidente demanda de alimento e outra cadela máis que abandonada as instalacións por un pequeno burato dunha das paredes.
As ovellas tamén non presentaban un mellor estado. Como así reflicten os veciños do lugar consultados, "agora parece que engordaron algo porque caíron algunhas castañas dos castiñeiros da finca e estanas comendo, pero teñen pasado semanas sen probar bocado", aseguran.
O mesmo ocorre cos cans, que son alimentados polos veciños de cando en vez, lanzándome comida ao interior da finca. Segundo confirman, "o dono pasa semanas, incluso meses sen achegarse, e máis dende que temos entendido que lle retiraron o permiso de conducción. Tanto as ovellas coma os pobres cans viven nunhas condicións pésimas, sen alimento, e o que é peor, sin control veterinario algún", sosteñen.
Pro Animales Xinzo fíxose eco
Foi o colectivo Pro Animales Xinzo quen deu a primeira voz de alarma e mesmo está convidando dende as súas redes sociais a que todos aqueles que así o desexen se poñan en contacto coa sección do Seprona da Garda Civil para que inverveñan "de novo, porque xa sabesmos que teñen coñecemento do caso", di a súa responsable: "Xa non sabemos que facer, pero non podemos vivir sendo responsables dun abandono tal que pode acabar converténdose nun grave problema de saúde pública", sinalan.