AVANCE | A Arca da Noe gaña o seu segundo Martín Códax
A Arca da Noe resultou elixida Mellor Sala de Concerto de Galicia nos Premios Martín Códax da Música 2022. O espazo que dirixe Noemí Vázquez en Vilar de Santos xa recibira a mesma distinción na edición do ano 2016. Descúbreas gañou o premio Espazos de Comunicación, e o Festival de Ortigueira, o dos Festivais.
A cerimonia de entrega dos galardóns da novena edición celebrouse esta noite no Pazo da Cultura de Pontevedra. Durante o acto, Fuxan os Ventos, que celebran o seu 50 aniversario na música neste ano 2022, recibiron o galardón honorífico. Nastasia Zürcher, que levou o premio na categoría de Blues, tamén foi distinguida como Artista do Ano; mentres que o premio para a Artista Emerxente foi para Antía Muíño.
No apartado de Músicas Urbanas resultou gañador o grupo Rebelión do Inframundo, que subiu ao escenario reclamando “Lume, lume, lume! e Rebelión!”. Na categoría de Orquestras, Grupos e Música de Verbena venceu a orquestra América de Vigo. En Pop e Indie, os premios sinalaron a Néboa. E, en Música Clásica e Contemporánea triunfou Samudra Trío.
Tamén resultaron distinguidas noutras categorías Mamá Cabra, Sofía Espiñeira e Os d'Abaixo, entre outros. Os primeiros galardóns en coñecerse foron: Música Infantil: Mamá Cabra; Canción de Autor/a: Sofía Espiñeira; Blues, Funk e Soul: Nastasia Zürcher; Metal: Grima; Rock: Familia Caamagno; Jazz e Músicas Improvisadas: Xosé Migélez 4tet; Electrónica: Grande Amore; Música Folk: Os d'Abaixo; Bandas de Música Popular: Banda Unión Musical de Meaño; Premio de Músicas do Mundo e Mestizaxe: Sheila Patricia; e Premio de Música Tradicional: Airiños da Freba.