AXENDA | A Gala Danzón ofrece 19 actuacións en hora e media
Loli Rico Martínez, a organizadora e propietaria da Academia, será a encargada de ir presentando unha a unha ás alumnas e alumnos que intervirán na Gala Danzón. Será este sábado (20:45 horas, na praza Carlos Casares), un espectáculo gratuíto de hora e media de actuacións de bailarinas e bailaríns da Academia Danzón na festa de fin de curso.
“Foron dous anos complicados polas restricións. Tivemos que ir adaptándonos a normativa. Pero este curso conseguimos manter a actividade e tiñamos ganas de volver a ter esta festa”, comentou Loli Rico este venres ao Diario do Limia na sede da Academia Danzón no Multicentro de Xinzo.
Uns 150 alumnos participarán na Gala, de idades comprendidas entre os 3 e os 70 anos, 19 actuacións en total, con moitos estilos representados, desde a zumba á danza oriental, desde o flamenco á bailoterapia.
O escenario, o equipo de son, 400 cadeiras (chegaron ás 600 na última edición hai tres anos), arroupados por uns vinte patrocinadores, coa colaboración de Limisi, que montará unha tenda cos seus produtos e outros que chegaron de doazóns, todo está preparado e pendente do tempo, “que afortunadamente será bo”, di Rico.
Nesta edición, como novidade, a organización fará un sorteo (previa adquisición de boletos) dunha estancia nun hotel-spa. O sorteo celebrarase ao final das actuacións dos bailaríns e, despois, seguirá soando a música na praza para que o público poida participar tamén da festa do baile.