AXENDA | “O jazz necesita público en directo”
Xaime, o presidente da asociación cultural que xestiona A Corte dos Bois, en Sandiás, ten o local listo para un regreso por todo o alto. Mañá sábado (21:00 horas) arranca o ciclo de jazz cun concerto do cuarteto de Pablo Castaño. “É un dos mellores músicos de jazz que temos hoxe en Galicia, e vén con Yago Vázquez ao piano. Un luxo”, di o anfitrión.
A Corte dos Bois, o ciclo de jazz e Pablo Castaño hanse reencontrar dous anos despois. Este concerto de presentación de A-la-láa estaba programado para a primavera de 2020. A pandemia parouno todo.
“Leveino como puiden. Eu son profesor e fomos tirando. Pero o de pasar meses sen tocar con ninguén, sen concertos nin público nin ensaios, tocando na casa eu so, iso foi unha sensación moi rara, como podes esperar algo así?”, di Pablo Castaño (Padrón, 1976), saxofonista, titulado superior en saxofón polo Conservatorio de Santiago de Compostela e diplomado en Educación Musical pola USC. No 2007 obtivo o BFA en Jazz Performance na New School University de Nova Iorque e residiu como músico freelance nesa mesma cidade.
“É un dos mellores músicos de jazz que temos hoxe en Galicia, e vén con Yago Vázquez ao piano. Un luxo”, di o anfitrión.
“O que aprendemos durante estes anos foi o valor da música en directo, necesitamos música en vivo”, comenta o músico. “E o jazz, se cabe, necesita máis ese contacto co público, o jazz necesita público en directo, porque son momentos, un sitio, unha hora, un público... E nese momento se improvisa. Iso non se volve repetir. Hai xente que entra no jazz polos directos, non polos discos”.
Pablo Castaño xa tocou na Corte dos Bois. Confesa que ten debilidade por estes clubs, porque habitualmente reúnen a un público “máis ávido de escoitar música en vivo porque non ten un acceso tan sinxelo como quen vive na cidade”.
Mañá, xunto a Yago Vázquez e Dani Domínguez (batería) e Pablo Patiño (contrabaixo) interpretarán temas de A-la-láa. “E un disco de jazz pero con moita presencia da música galega, en particular nos alalás, os cantos libres, tamén cantos de camiño. Para min estes cantos son unha música de momentos íntimos, non do baile ou das festas. Moitas desas melodías non teñen compás... O que imos ofrecer mañá é un jazz inspirado nestas melodías”, conclúe Pablo Castaño.
O concerto comeza ás 21:00 horas, a entrada son 12 euros e hai aforo limitado (pódese facer reserva previa no Facebook da Corte dos Bois).
Xaime, o anfitrión, avanza que despois da sexta edición do ciclo de jazz (que continuará con concertos os días 23 e 30 de abril), están pechando a programación de maio e xuño. Anuncia que haberá dous concertos cada mes. A Corte dos Bois está de volta.