O Cine Gesma proxecta a última de Pixar: ‘Lightyear’

AXENDA PARA ESTE SÁBADO | Exposición no Museo da Limia, conferencia na tenda Ágora, contos de Boado e Foliada

Dúas das obras de Ledicia Prieto expostas no Museo da Limia.

 


 

O primeiro sábado do verán ofrece varias posibilidades de ocio cultural na comarca sen ter que pensar moito en se chove ou non para nos mover. Aquí van unha serie de propostas que inclúen desde cine a baile tradicional, pasando por unha exposición de fotografía e pintura ou a presentación dun obra colectiva (de veciñas e veciños anónimos) coincidindo coas festa en Boado.

Lightyear

A ÚLTIMA DE PIXAR
O Cine Gesma mantén na carteleira o último gran taquillazo: Jurassic World. Mais incorporou esta semana o novo de Pixar, un selo de calidade. Animación para todos os públicos con Lightyear, dentro da saga de Toy Story. Desta volta, a desculpa para a aventura é contar a historia da orixe de Buzz Lightyear. Pases de Lightyear sábado, domingo, martes, mércores e xoves ás 18:00 horas. Durante a fin de semana, mañá e o domingo, haberá tamén pase dobre de Jurassic World: 20:00 e 22.30 horas.

FOLIADA PARA TODOS OS PÚBLICOS
Tamén para todos os públicos é a Foliada Antelana. A cuarta edición trae mañá sábado un día cargado de actividades desde pola mañá. O escenario: unha carpa xunto ao pavillón por se chove. O galo Quirico, espectáculo de títeres, abre o programa ás 12:30 horas. E ás 13:30, no Toural, haberá sesión vermú cos Viqueiras de Ordes. Nos salóns do Casino celébranse dous obradoiros pola tarde. E, de regreso, á carpa, un espectáculo de baile no que o público interactúa cos actores de Armadanzas (18:30 horas) e Foliadiña Pequena (20:00 horas). A continuación, 22:30, o concerto de Tres Pesos que dará paso á Foliada Aberta.

EXPOSICIÓN DE LEDICIA PRIETO E BRUNO SIMÓN
Ledicia Prieto (Rairiz de Veiga, 1994) e Bruno Simón (Medeiros, Monterrei, 1941) expoñen desde o pasado día 15 as súas obras (pintura e fotografía) no Museo da Limia. É unha visión da Limia que evidencia a admiración pola paisaxe e as singularidades deste territorio. A mostra permanece aberta no horario do Museo, que durante os próximos meses será de 11:30 a 13.30 e de 17.00 a 19:00 horas, sábados e domingos.  

Agora sabado

ÁGORA, CHARLA CONTRA A ANSIEDADE
A tenda-café de Sonia Trigo continúa coa súa oferta de actividades ao redor da muller. Este sábado (18:00 horas), acolle unha conferencia sobre a ansiedade e o estrés (tamén nos homes). O coach Roberto Gerardo mostrará algunhas prácticas de controlar ambas afeccións, evitando no posíbel a medicación. 

BOADO LEVA A SÚA MEMORIA AO PAPEL
Unha iniciativa do Centro de Desenvolvemento Rural O Viso en Boado deu como resultado o libro de contos que este sábado (19:00 horas) será presentado na escola da localidade. A memoria da auga recolle historias de veciñas e veciños de Boado e de Porto Alto, contadas por elas mesmas e compiladas por Camilo Vila, quen dinamizou o taller de memoria a través do fío da auga. O libro, ademais das vivencias da comunidade, ofrece algunhas fotografías que ilustran o paso do tempo nas aldeas.

Fotografía de Bruno Simón, na mostra no Museo da Limia.