ENTREVISTA | Rubén Riós: “O éxito está en chegar á verdade”
Coa colaboración da Xunta de Galicia e o Xacobeo 2022, entre outras entidades, e organizado polo Concello de Xinzo, o cineasta e actor Rubén Riós presenta mañá sábado en Xinzo (22:00 horas na Praza Maior) o documental Outros Camiños, rodado antes da pandemia cun grupo de persoas con diversas discapacidades que realizaron 500 quilómetros do Camiño de Santiago pola Vía da Prata. Antes do documental, pasarase tamén un capítulo da serie Arrieiros Somos dedicado a Lola Martínez.
Como está sendo a acollida do documental?
Pois moi boa. Estreamos nos Cines Callao de Madrid o 28 de abril e agora estamos cunha xira por localidades galegas. Temos 30 pases. E o 13 de agosto estaremos en Ríos. Digamos que conseguimos que moito espectador mire onde antes só vía. É unha historia que chega a xente.
Como xorde a idea?
Foi durante unha presentación doutra traballo meu en Vigo. Javichi, un dos protagonistas, retoume desde o público a facer con eles 500 quilómetros nunha bici axudando a unha persoa. Coñecín a Fundación Discamino. E decidín contar esa historia. Ao principio fun eu só na miña bici. Pero unha das participantes mancouse e tívenme que pór a dar pedais con eles. Non sei de onde saquei as forzas, pero fíxeno.
Cando rodaron?
Foi no verán anterior á pandemia. Saímos desde Salamanca. Eran outros tempos, claro. Estivemos de días, sen máscaras, sen distancia social. Puxémonos a montalo xusto despois da pandemia e tivemos que parar. Estabamos contando unha historia cunhas personaxes que se rían xuntas, que se abrazaban, naquela altura o mundo real non era así. O choque foi agobiante. Paramos e retomamos a montaxe meses despois.
Que hai no documental?
Verdade. Non hai adobo. As personaxes son tal cal. Non facemos pornografía sentimental. Cando pos a cámara e non retocas, o espectador aprecia esa verdade e faise preguntas.
Ese era o obxectivo?
Si. Temos que entender a diferencia, educarnos na diferencia. Estamos nun mundo cada vez máis diversos. O documental pretende, primeiro, facer pensar, e despois entreter.
Tivo éxito, máis alá do que pense o público?
O éxito está en chegar á verdade. No documental non hai elementos que disfracen esa verdade. Non hai adobo.