Esmeralda Marra, directora do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia

ENTREVISTA | “A praza vai ser un lugar de moito uso para o Conservatorio”

Esmeralda Marra, onte, na Praza da Música.| FOTOS: Noelia Caseiro.

A primeira hora da tarde xa hai catro clases ocupadas no Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia. A directora, Esmeralda Marra, profesora de saxofón, empeza ás catro a súa primeira aula. Antes, atende ao Diario do Limia e posa para as fotos na nova praza, a entrada do centro de ensino a partir de agora.


É unha praza pequena, entre a Casa do Concello e a Casa da Cultura, pintada dun vermello pardento, cunha partitura debuxada, o Himno da Alegría, e un panel cunha vella foto dunha Banda de Música, a tradición, que en Xinzo, como contou Edelmiro Cerredelo, ten un século ou menos, pero é tremendamente fértil.


“Levabamos tempo pedindo que se rehabilitase e nola puxeran bonita. Por fin pasou. E mañá [por hoxe] inaugurarémola cun concerto da nosa Banda, dúas pezas, e despois todas as alumnas e alumnos interpretando esa partitura, o Himno da Alegría. Para nós é nin máis nin menos que a entrada principal do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia. E vai ser un lugar de moito uso para o Conservatorio”, di Esmeralda.


O acto celebrarase esta tarde (20:00 horas), será público, e contará coa presenza da corporación municipal. Este é un conservatorio municipal, e un orgullo para Xinzo, porque como conta a directora, “non só saen músicos de aquí, da comarca, tamén formamos músicos doutras comarcas, como Allariz, Celanova, Maceda, Verín, mesmo temos alumnado de Ourense e, nalgún momento, de Portugal”


“Vai ser unha praza que se utilice tamén para ensaios, concertos e xogos cos máis pequenos. As obras comezaron en outubro, e está lista cando case chegamos ao remate do curso”.


No Conservatorio Profesional o curso conclúe a finais de xuño. Hai actividades xa programadas para realizar na nova praza. O centro conta con máis de 130 alumnas e alumnos. As máis cativas, que asisten a aulas de música e movemento, teñen seis anos. Son dez cursos, até alcanzar o grao profesional. O ano pasado a promoción de grado profesional foi dez alumnos. Este ano acabarán sete.


O día 9 de xuño, xoves, haberá no Auditorio un concerto do grao elemental, e ao día seguinte, un concerto do grao profesional. Despois, fixarán data para os concertos do coro e da orquestra na nova praza.


“A música é unha actividade presencial, de xuntar xente, de contacto... A pandemia afectou moito, claro. Aínda andamos con máscaras por precaución. Nas aulas mantemos certas distancias. Nas clases de trompeta estamos a tres metros. Pasa con todos os instrumentos de vento. Algúns grupos reducíronse. As instalacións quédanse pequenas”, advirte.

A Praza da Música inaugúrase este venres ás oito da tarde.

A seguinte reivindicación do Conservatorio Profesional de Música de Xinzo de Limia vai ser pedir unha ampliación das instalacións, concede a directora. A praza será unha axuda, mais non durante o inverno.


De aquí ao final do curso, a dirección está planificando ir facer uns concertos aos colexios de Xinzo. O día 9 de xuño, xoves, haberá no Auditorio un concerto do grao elemental, e ao día seguinte, un concerto do grao profesional.
 

“Fáltanos fixar data para un concerto dos grupos máis amplos, como son o coro e a orquestra, e para os máis pequenos, os de iniciación. Este concerto será na Praza da Música”, anuncia Marra.

Paneis nun dos peches da praza.

Coa praza, Xinzo gaña un espazo para esa vizosa actividade musical que ten a súa razón de ser na historia que narrou Cerredelo. “Cando foi a presentación do libro, xa dixen que estaba sorprendida polas numerosas formacións musicais que tivo sempre Xinzo, e polas posibilidades que iso ofrece para a música, esa tradición e o Conservatorio retroaliméntanse hoxe”, di Esmeralda Marra, e lembra como ela tivo que estudar en Ourense desde os nove anos.