FESQ22 🐺 | “Para que o Esquecemento sexa un éxito precisamos que a xente de Xinzo rompa os tabús e saia á rúa”
FESQ22
“Estamos seguindo o calendario que estaba previsto. Ademais, a maioría dos grupos empezaron a construír as casetas con algúns días de antelación e xa hoxe mesmo se pode pasear pola zona e ir vendo como vai quedar”, di Marcos Argibay, presidente da Asociación Civitas Limicorum, a organizadora da Festa do Esquecemento, que esta semana xa pasa mañá e tarde no Toural.
Que foi o máis difícil nestas últimas semanas?
O máis complicado foi facer a distribución do que vai ser o campamento. Porque é un sitio novo, e temos que ter en conta as pedras, ás árbores, os camiños... Tivémonos que ir adaptando ao terreo, pero penso que resultará ben.
Mantense a prohibición de facer lume no campamento?
Si. E afortunadamente todo o mundo entende que debe ser así. Non haberá nin cacharelas nin grelas nin lume de tipo ningún. A situación é a que é, e somos solidarias co contexto.
O que si haberá será un río máis limpo?
Pois si. A verdade é que non sabería dicir cantos anos hai que non se rozaba a vexetación nesa parte do Limia. So podo dicir que estamos orgullosos de que o Esquecemento teña servido para que o río que lle dá nome á comarca e ao concello mude a imaxe e a mellore.
O campamento está case listo. Canto estará o mercado?
Montarase o mesmo venres pola tarde, unhas horas antes da inauguración. Son postos moi sinxelos de montar e os artesáns están afeitos. Estará todo listo para as oito, sen fallo. A día de hoxe estamos case nos 30 postos. Creo que se fixo unha boa selección. E será un espazo interesante para as crianzas e contará tamén con música. O propio venres tocarán os limiaos do grupo Cidade de Antioquía.
Que novidades pensa que vai atraer máis público?
Estamos convencidos de que será a nova distribución do campamento. Penso que vai ser máis vistoso e vaise facer máis visíbel pola distribución das parcelas e o enclave. Desde logo é o que estamos percibindo entre os socios estes días previos. A xente está acollendo ben o cambio. Gustará. E penso que outro dos puntos fortes vai ser o concerto de Pelepau, un grupo moi querido na Limia.
E como cre que vai funcionar a aposta pola diversificación dos espazos?
Esperemos que ben. A idea de levar determinados espectáculos, alén dos desfiles, a prazas do centro é que a xente permaneza na rúa e en Xinzo moitas horas. Hai cousas para os cativos, está o mercado, están as loitas, a música, o campamento... de mañá, de tarde e de noite. Queremos que o visitante atope espazos e gozo para moitas horas.
Como está sendo a implicación dos socios?
Esta semana xa temos a todo o mundo activo. Estamos facendo ensaios polas noites e sempre aparecen unhas vinte e pico persoas. E no campamento hai xente traballando todo o día. Moitos dos actos que se fan, como os bautizos e as vodas, dependen da implicación das socias e socios. Este ano estamos vendo que a xente ponlle moito interese.
Xa teñen fechada a lista de convidados?
Teremos un grupo de Astorga, onde estivemos hai pouco convidados. Haberá varios grupos de Lugo, romanos e castrexos. Traerán música e tamén obradoiros. Virá de Lugo algún representante do Concello, que organiza o Arde Lucus. Tamén estará o presidente da Asociación Española de Festas e Recreacións Históricas (AEFRH), que virá de Cartaxena, e sabemos que virá algún outro grupo de alí.
Que precisa o Esquecemento da xente de Xinzo para que a Festa sexa un éxito?
Para que o Esquecemento sexa un éxito precisamos que a xente de Xinzo rompa os tabús e saia á rúa.