Os exemplares poderán adquirirse desde o próximo luns na Feira de Xinzo

FESQ22 | A Civitas Limicorum saca á venda o cómic do Esquecemento 2022

Páxina dupla do cómic 'O paso do Río Lethes', á venda desde o próximo luns.

O luns 27 a Asociación Civitas Limicorum porá o seu posto por vez primeira nunha das Feiras mensuais de Xinzo de Limia. Ofrecerá información e produtos de merchandising para axudar a recadación para os gastos da Festa deste ano, que se celebrará o 19, 20 e 21 de agosto.


No posto, como novidade destacada a respecto de anteriores edicións, estará a venda un cómic que relata a lenda do río do Esquecemento que constitúe a base histórica da celebración. 


‘O paso do Río Lethes’ é unha obra en sintonía cos novos aires que a directiva lle quere dar á Festa, conxugando por un lado a parte histórica coa divulgación a través das canles máis modernas e que acheguen o Esquecemento a outros públicos.


A asociación, que onte deu a coñecer o cartel para esta edición, está traballando tamén na contratación do bar do recinto do campamento e na distribución de prazas para o mercado de artesanía. Estes próximos días ten previsto dar a coñecer algunha outra novidade no apartado de  merchandising, que a veciñanza poderá atopar xa na Feira deste luns.


É intención da asociación manter o posto na Feira do 14 e do 27 (haberá tres antes da celebración da Festa) para ampliar a difusión do Esquecemento deste 2022 entre o público limiao e os retornados e visitantes que empezarán a chegar nestas próximas semanas.

A portada do cómic.
Imaxe difundida esta tarde pola Civitas Limicorum.