NOTICIAS A LIMIA | O Museo da Limia convoca un certame literario sobre Antón Tovar
Cando se van cumprir 20 anos do pasamento do escritor limiao, o Padroado do Museo da Limia volve insistir na necesidade de facer un recoñecemento a Antón Tovar, prolífica figura da cultura galega nado na Pereira, Rairiz de Veiga. A convocatoria do certame literario é unha nova chamada á sociedade galega para que valore o extraordinario legado creativo do autor ourensán.
A entidade cultural vén promovendo desde o 2021, centenario do nacemento do autor, unha serie de iniciativas encamiñadas a difundir a obra tovariana e a demandar a dedicación do Día das Letras Galegas ao poeta da Pereira. No 2022, o Museo da Limia entregaba na sede da Real Academia Galega un completo expediente que recollía varios centos de sinaturas da cidadanía e numerosos documentos que se manifestaban neste sentido.
Un ano despois, a comezos do 2023, a editorial Galaxia publicaba unha antoloxía poética do autor, edición a cargo de Delfín Caseiro con prólogo do profesor e académico Xesús Alonso Montero, destinada prioritariamente ao público escolar. A obra poética e narrativa de Antón Tovar, feita de autenticidade e alta calidade literaria, mantén plena vixencia nos nosos días. Un legado cultural -marcado pola preocupación social, o intimismo e o existencialismo- dun autor que foi membro correspondente e de honra da Real Academia Galega.
Bases do certame
1. A participación está aberta a cantas persoas o desexen, cun máximo de dúas obras por autor/a.
2. As creacións, orixinais e inéditas, escritas en lingua galega, poderán ser en prosa ou en verso, cunha extensión máxima de 400 palabras para os textos prosísticos e de 30 versos para as composicións poéticas.
3. A temática dos textos ten de glosar algún(s) aspecto(s) da obra e da persoa do escritor e/ou da súa relación co territorio limiao.
4. As creacións estarán escritas en formato DIN A-4, letra tipo Times New Roman de 12 puntos e interliñado 1,5.
5. As obras, con lema e sen nome do autor/a, enviaranse por triplicado a este enderezo: Certame Literario Antón Tovar. Museo da Limia, Rúa de Celanova, nº 63. 32650 - Vilar de Santos (Ourense). Nun sobre pechado no que figure o lema, introducirase o propio lema, unha copia do documento de identidade e un teléfono de contacto do/a participante.
6. O prazo de presentación dos traballos abranguerá até o día 20 de maio de 2024.
7. Establécese un único premio, patrocinado polo Balneario de Cortegada e o Hotel Bienestar Termas de Monção (Tesal Explotación SL), consistente nun bono para pasar unha fin de semana, antes do 31/12/2024 para unha parella, en pensión complete, no Hotel Bienestar Termas de Monção (Portugal). A data será elixida polo/a premiado/a e adaptarase ás dispoñibilidades do establecemento.
8. O xurado estará formado por cinco membros designados pola Xunta Directiva do Museo da Limia.
9. O fallo do xurado, que non admite apelación, farase público o día 4 de xuño, data do pasamento de Antón Tovar.
10. A entrega do premio será o día 15 de xuño, nun acto de lembranza do poeta da Pereira no Museo da Limia.
11. A creación premiada será publicada na revista Tempos Novos, que colabora con este certame.
12. A participación no certame literario Antón Tovar implica a total aceptación das presentes bases.