NOTICIAS A LIMIA | A Agrupación Musical da Limia participará no Certamen Internacional Ciutat de València
O Certamen Internacional de Bandes de Música Ciutat de València vén de facer pública a relación de bandas inscritas para a 134ª edición do festival que se celebrará no Palau de les Arts de Valencia entre o 14 e o 17 de xullo deste ano. A única representante galega será a Asociación Agrupación Musical da Limia, que participará na sección terceira xunto a outras cinco bandas.
Nesta sección terceira, xunto a agrupación que dirixe Jose Luis Tielas Santiago, tomarán parte tres formacións valencianas: Unión Musical Santa Cecília Castellar-Oliveral; Unio Musical Centre Històric de València, e Cultural San Blas de Teresa de Cofrentes; ademais da Tolnai Ifjúsági Fúvószenekar Egyesület de Tolna (Hungría) e a Asociación Cultural Banda de Música de Zamora.
Nas catro seccións que compoñen o programa, actuarán un total de 18 sociedades musicais. Entre as inscritas, hai bandas de música da Comunidade Valenciana (dez), seis do resto do estado (Zamora, Ourense, Málaga, Albacete, Cuenca e Huelva) e dúas internacionais, de Hungría e Portugal (a Sociedade Filarmónica Lealdade Pinheirense).
A orde de participación xa está fixada e a agrupación de Xinzo actuará en último lugar o día 14, na primeira xornada do certame, que está dirixido a formacións de carácter non profesional, aínda que a organización adoita convidar formacións profesionais na sección de honra.
Antes do concurso oficial, cada banda debe interpretar unha peza musical dun máximo de cinco minutos. Despois, xa como parte do concurso, terá que afrontar as obras propostas polo comité organizador e unha de libre elección.
O Certamen, que leva dous anos sen se poder celebrar, convidou as bandas valenciás de Benaguasil e Lliria a poñer o ramo á edición 134ª na sección de honra.