NOTICIAS A LIMIA | “Entre camiños” une Arxentina e Galicia en Xunqueira de Ambía
Unha familia de arxentinos que se acaba de instalar en Pousa, no concello de Xunqueira de Ambía, convenceu a un grupo de veciñas do concello para organizar unha festa intercultural que sirva para unir a comunidades dun e doutro lado do Atlántico a través da música e do baile. A festa chamarase Entre camiños e celebrarase este próximo sábado (a partir das 17:30 horas) en Xunqueira coa colaboración de colectivos e particulares, ademais do propio Concello.
A familia, unha parella con cinco fillos, viviu durante uns vinte anos en Canarias, explican desde a organización ao Diario do Limia, e hai uns meses decidiron vir para Pousa. Agora queren traer algo do que foron atopando polo camiño. O pai, Marcelo, e a filla maior, María Rosa, son bailaríns profesionais. Estarán acompañados por outras dúas parellas canarias que ofrecerán bailes de raíz arxentina.
O encontro servirá de presentación de Estampa Argentina, “grupo folklórico de danzas argentinas, nacido en Ourense” como se denominan. Tamén está convidado o músico Julio Tere, que ofrecerá o repertorio do seu traballo Aires de Salamanca. E como representantes da música do país, a organización convidou ás Rebulideiras de Sarreaus e ás Xeitosiñas de Baltar.
As Rebulideiras é un grupo novo composto por xente con experiencia, explican os organizadores, xente moi recoñecida polo seu compromiso coa cultura popular. As Xeitosiñas son unha formación habitual en festas e foliadas por toda a Limia. Haberá tamén un mercado de artesanía e produtos do país.
O encontro Entre camiños, que rematará en foliada aberta, servirá ademais para mostrar a variedade de traxes rexionais do país (os que locen Rebulideiras e Xeitosiñas) e da Arxentina, que vestirán os bailaríns chegados de Canarias.