NOTICIAS A LIMIA | Dimite a directiva da Civitas porque a asociación está “aletargada” e “sumida na desidia”
A xunta directiva da Asociación Civitas, que organiza a Festa do Esquecemento, presentou este martes a súa renuncia a continuar á fronte do colectivo. A dimisión, anunciada nun comunicado ás socias e aos socios, obedece “a perda, ano tras ano, desa forza e desas ganas para loitar, neste caso pola Festa do Esquecemento e a Civitas en si mesma”.
O comunicado explica que a actual directiva “queda relegada a directiva en funcións ata que sexan convocadas novas eleccións e se elixa un novo grupo directivo ó que lle desexamos o mellor na súa aventura e o noso apoio, axuda, experiencia e cariño”.
Os até hoxe responsábeis da asociación sinalan que “xa son moitos os anos que algúns de nós estamos a fronte do traballo de organizar a nosa Festa”, e lembran as dificultades para pór de acordo a un colectivo de “preto de cincocentas persoas”.
Din tamén que “neste momento” a súa decisión obedece á necesidade de reactivar “unha asociación aletargada, sumida na desidia e na desconfianza e que non é capaz de unirse nin tan sequera para celebrar os éxitos”.
Desde a directiva saínte de Civitas advirten que a dimisión xa vén sendo “meditada mesmo antes da celebración da última edición (...) vendo que nós xa non somos capaces de seguir loitando”.
Ademais, admiten que o último ano da Festa foi “o ano máis raro das nosas vidas, e foi o que ó final nos acabou convencendo de dimitir”.