NOTICIAS A LIMIA | Espacio Matrioska: “Gustaríanos seguir na Limia”
O colectivo de artistas Espacio Matrioska, que durante 7 anos desenvolveron actividades como o Festival Raíña Lupa, residencias para creadores plásticos e audiovisuais e outras accións de dinamización cultural nos Blancos, onde tiñan a súa sede nun edificio previsto para usos administrativos do Concello, quere volver á Limia. Dous meses despois de que a decisión do goberno municipal de acondicionar o edificio como vivendas sociais obrigase aos artistas a abandonar o espazo, Matrioska seguen sen sede, mais decidida a non romper os vínculos tecidos na Limia. “Gustaríanos seguir no rural galego, e se pode ser na Limia, mellor”, di Javier Carrera, un dos portavoces do colectivo en conversa telefónica co Diario do Limia.
Desde Espacio Matrioska aínda non comprenden a decisión do alcalde, José Manuel Castro (PP), de dar por finalizada a cesión do edificio para habilitalo como vivendas sociais, dúas... nun concello de 745 habitantes e que no último ano do que hai rexistro (2020) anotou un nacemento e 21 defuncións. “Seguimos mantendo vínculos nos Blancos. Temos a casa e temos a horta, seguimos indo. Pouco no inverno, máis cara o verán. E mesmo fixemos produción de viño en colaboración cun veciño”, conta Carrera.
As intencións de Espacio Matrioska, que segue sen unha alternativa (e aínda que dispón dun local en Pontevedra, a súa vocación é o rural), son “pensar amodo as cousas para non volver a levar un pau”. Mais están abertas a suxestións, e estudarán calquera proposta que reúna unhas condicións mínimas: un espazo digno e unha administración local que teña interese na cultura e sensibilidade co seu traballo artístico. “Iso sería o básico. Non precisamos cartos”.
Seguimos mantendo vínculos nos Blancos. Temos a casa e temos a horta, seguimos indo. E mesmo fixemos produción de viño en colaboración cun veciño” (Javier Carrera)
Durante os 7 anos nos Blancos, o colectivo organizou o festival de música, deu acubillo a máis de 150 artistas residentes de distintos países e colaborou en accións educativas e de divulgación entre toda a veciñanza. “Alén de todo iso, do que máis orgullosas e orgullosos nos sentimos é que fomos veciños, intervimos na vida cotiá. E algo queda. Quedan eses murais que son testemuño de que algo pasou alí”, conclúe Javier Carrera. Volverán como veciñas e veciños que foron. Mentres, esperan que o 2022 vaia despexando as incertezas e, se se abre unha posibilidade na Limia, estudarana co desexo de se asentar de novo.
Nos Blancos, o edificio que se pensou para acoller a Casa do Concello e despois reviviu como Espacio Matrioska segue pechado estes días. O alcalde prometeu vivendas sociais. Na escola hai matriculados 25 nenas e nenos. O 60% da poboación está xubilada. A renda dispoñíbel por habitante está ao redor dos 10.000 euros ano.