NOTICIAS A LIMIA | Letras: conservación e transmisión
“Empecei a pensar en facer o libro en 2016, cando se cumprían 60 anos da lei que deu paso á desecación da Lagoa de Antela. Levoume pouco máis dun ano escribilo. A historia non trata de posicionarse sobre se aquilo foi un feito bo ou un feito malo, senón de ver á xogada, por empregar un termo futbolístico, desde a perspectiva dos animais, que eran os habitantes e os propietarios da lagoa”, dixo Rafael Laso, autor de A revolta da Lagoa, presentado esta tarde na praza Maior de Xinzo no acto central da celebración do Día das Letras.
A alcaldesa, Elvira Lama, que minutos antes acompañou ao Antela na Moreira na fotografía co trofeo de campións de Liga, presentou o acto xunto co concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez. Tamén estivo o escritor Miguel Anxo Alonso Diz, que debullou a obra de Laso.
“As historias foron xurdindo en canto empecei a escribir”, manifestou Rafael Laso. “É como cando empezas a arar e vai o arado e o rego segue só”. A novela, contou o autor, ten como fío argumental o debate que se produce entre os animais cando vén a desecación da lagoa. Laso animou aos presentes a coidar o patrimonio cultural e especialmente a lingua galega coa intención de lla transmitir ás xeracións futuras.
A alcaldesa engadiu, retomando o exemplo do impacto da desecación da lago nas vidas (humanas e animais), a necesidade de transmitir tamén a riqueza da biodiversidade. Nun vídeo que puxo o ramo á tarde lembráronse algunhas das aves e das plantas que desapareceron para sempre daquela área por efecto da desecación.
Antes, Xabier Casares, presidente da Fundación Carlos Casares, estivo presente na entrega dos galardóns dos premios Carlos Casares de relato e debuxo para escolares. Na entrega de premios ás rapaces e rapaces tamén participaron membros da corporación municipal, así como Rafael Laso e Miguel Anxo Alonso Diz.
Desde a mañá, celebrouse a feira do libro do Día das Letras. Dúas librarías abriron as súas portas, unha delas instalou unha carpa na praza Maior.