O goberno local reclama a inclusión do espazo, xestionado pola Deputación, na Rede Galega de Museos

NOTICIAS A LIMIA | Xinzo pide a colaboración da Xunta para recuperar a actividade do Museo do Entroido

Museo do Entroido en Xinzo.

"O executivo local tratará de buscar, xunto coa Deputación, novas medidas de impulso, empezando por establecer garantías dunha maior estabilidade nos horarios e días de apertura [do Museo do Entroido]", explica nunha nota de prensa este xoves o Concello de Xinzo, dando conta dunha reunión mantida en Compostela coa Dirección Xeral de Patrimonio o pasado día 8 de marzo na que participaron a alcaldesa, Elvira Lama (PSOE), e o concelleiro de Cultura, Ramiro Rodríguez (BNG). 


O que reclamou nesa reunión o goberno de Xinzo e que o Museo do Entroido entre a formar parte da Rede Galega de Museos, dependente da Consellería de Cultura. O Museo, que apenas abriu as súas portas ao público durante cinco días nas últimas semanas do Entroido deste ano, é responsabilidade da Deputación Provincial.


“Nos últimos anos fixéronse parches nas adxudicacións a diferentes empresas para a súa xestión por períodos curtos de tempo”, di Ramiro Rodríguez na comunicación do Concello desta mañá, na que se critica a intermitencia "na súa apertura e atención ao público".


Á Rede Galega de Museos están adscritos 88 museos, coleccións, casas e fundacións. Entre elas, o Museo da Limia, de Vilar de Santos, e os tres museos de Allariz, entre as once institucións ourensás que figuran na lista.  


O Concello de Xinzo anuncia que buscará coa Deputación de Ourense, a quen lle foi cedida a xestión polo anterior goberno local, "fórmulas que garantan estabilidade na súa apertura", mentres inicia os trámites diante da Subdirección Xeral de Arquivos e Museos para a inclusión do espazo na Rede Galega.


"Cómpre destacar que o Servizo de Museos é a unidade administrativa que coordina as actuacións en materia de museos en Galicia e ten responsabilidade sobre o control do patrimonio moble custodiado nos mesmos e sobre as coleccións galegas, tanto nos de titularidade autonómica e estatal xestionados pola Secretaría Xeral de Cultura, como daqueles que constitúen o Sistema Galego de Museos", informa a comunicación municipal.