NOTICIAS XINZO | Museo do Entroido: A reapertura, en outubro
O case clandestino Museo do Entroido (MUGAE) pechou o último domingo de agosto -o mes dos milleiros de visitantes en Xinzo-, mentres no pavillón se celebraba a Feira do Comercio e sen que ningunha Administración (nin a Deputación, a quen pertence, nin o Concello de Xinzo) fixeran campaña ningunha de promoción nin dentro nin fóra da Limia e coa moi discreta cifra de entre 220 e 230 visitantes durante os dous meses que permaneceu aberto (en horario de fin de semana).
É dicir, dada por oficial a cifra de 43.000 visitantes que se pasaron por determinadas feiras e festas de Xinzo no período vacacional, apenas un 0,5% dos turistas tiveron a curiosidade de entrar no único museo do entroido do país, situado no centro da vila que ten por bandeira o Entroido máis longo do mundo.
“Confío na palabra dada tanto polo presidente como polo responsábel da área de Cultura”, dixo Elvira Lama.
A alcaldesa avanzou este mércores, case vinte días despois do peche e a preguntas do Diario do Limia, que insistirá diante da Deputación, “nas comisións informativas da semana que vén” para que a entidade que preside Xosé Manuel Baltar cumpra o seu compromiso de destinar unha nova partida dos orzamentos en vigor para reabrir o museo en outubro e, máis adiante, incorpore aos orzamentos para 2023 unha partida que garanta a continuidade do MUGAE até que se elaboren os seguintes (xa no próximo mandato).
“Confío na palabra dada tanto polo presidente como polo responsábel da área de Cultura”, dixo Elvira Lama, “que afirmaron que ía haber partida orzamentaria para estar aberto no horario que estimen oportuno e que nós queremos que sexa o máis amplo posíbel”.
Durante o 2022, o MUGAE abriu ao público durante uns días no Entroido e a partir do 8 de xullo os venres, sábados e domingos, durante ese mes e agosto. O horario era de 17:00 a 20:00 horas os tres días, máis as mañás de sábados e domingos de 10:00 a 13:00 horas. O servizo foi externalizado a unha empresa local, que dispuxo un traballador para atender o museo.
Nin a empresa nin a Deputación confirmaron aínda que o Museo do Entroido recuperará a súa actividade en outubro nin tampouco os horarios nin a duración do novo contrato.