NOTICIAS A LIMIA | Endesa, Iberdrola e os ecoloxistas votaron en contra do plan hidrolóxico 2022-27
[AMPLIACIÓN. 11:00 HORAS, VENRES 8] A Confederación Hidrográfica del Miño-Sil (CHMS) reuniu este xoves de xeito telemático o Consello da Auga da demarcación, que informou favorabelmente da proposta de proxecto de plan hidrolóxico 2022-27 da parte española da demarcación.
Entre os máis de corenta membros do Consello da Auga que participaron na reunión de onte, votaron en contra do proxecto de plan os representantes dos colectivos ecoloxistas, que teñen dúas persoas no Consello, e os representantes das empresas Iberdrola e Endesa.
As razóns duns e doutros son distintas. As empresas demandan normas menos restrictivas para desenvolver as súas actividades de explotación hidroeléctrica. Os ecoloxistas, pola súa parte, reclaman maiores controis e parámetros de sustentabilidade ambiental máis estritos en cuestións como os caudais mínimos.
Ao proxecto presentáronse unhas 900 alegacións, das que foron contestadas “aproximadamente a metade”, din fontes do colectivo ecoloxista.
As respostas deron lugar a un documento de 1.300 páxinas. Desde os grupos ecoloxistas quéixanse de que mentres o período de alegacións foi de xuño a decembro, as respostas non puideron apenas avaliarse dado que se emitiron en marzo, apenas unhas semanas antes da convocatoria.
Aínda que a orde do día non recollía o debate sobre a situación das augas na comarca da Limia, as representantes ecoloxistas -Nery Díaz (Ecoloxistas en Acción) e Santi Fraga (Ríos con vida)- si introduciron a cuestión, e referíronse a diferentes informes científicos, como os de Serafín González, da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que será incluídos na acta da sesión.
[AVANCE DE ONTE XOVES]
No Consello, advirten os grupos ecoloxistas, non se discutiu o estudo de avaliación das masas de auga, como se acordara na reunión anterior. O punto non figuraba na orde do día, segundo o previsto. Ese estudo, en relación ao río Limia, cualificaba como “malo” ou “deficiente” o estado ecolóxico dos tramos 1, 2 e 3 do río (son catro os tramos) en 2019, e considera que o estado será “moderado” de cara á planificación hidrolóxico 2022-27.
Agora, o proxecto de plan continuará a tramitación no Ministerio de Transición Ecológica, cos informes do Consejo Nacional del Agua, el Consejo Asesor de Medio Ambiente e o Consejo de Estado. A aprobación do documento será mediante un Real Decreto.
Na nota prensa enviada aos medios a primeira hora da tarde deste xoves, a CHMS subliña: “Como situación de partida, tras la evaluación de estado llevada a cabo en el año 2020, se concluye que el 75% de las masas de agua superficial y el 92 % de las masas de agua subterráneas alcanzan buen estado”.
“En base a lo anterior”, informa a comunicación da CHMS, “se ha elaborado un Programa de Medidas que consta de 320 actuaciones con un presupuesto global de 444,14 millones de euros para el horizonte 2027, con el objetivo de lograr el buen estado de todas las masas de agua y de reducir las presiones e impactos que las diferentes actividades ocasionan”.
No estudo de avaliación das masas de auga, en relación ao estado químico das masas de auga subterráneas na comarca da Limia, indícase que é malo practicamente na totalidade da chaira da Limia. E tamén se recoñece que durante o período 2019-20 a concentración media anual de nitratos superou o límite establecido nun punto. “No obstante”, engade, “se considera que este punto no representa a más del 20% de la superficie de la masa de agua, por lo que todas las masas subterráneas presentan un estado químico “bueno” por nitratos”.