ENTREVISTA | “A zona vulnerábel incluirá A Limia e As Conchas”
José Antonio Quiroga (O Saviñao, 1960), o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil desde agosto de 2018, di que a declaración da Limia como zona de augas vulnerábeis pola contaminación por nitratos debería ser inmediata, e subliña que foron os controis do organismo de cunca, e non as protestas ecoloxistas, o que finalmente levou a que se tomase esta determinación.
Como van os trámites ministeriais para a declaración da Limia como zona vulnerábel por contaminación das augas por nitratos?
É unha cuestión moi importante para o medio ambiente, pero tamén para a sociedade e a economía das comarcas do Limia. No 2019, a Confederación iniciou o procedemento para a declaración da comarca como zona de augas afectadas. Enviamos ao Ministerio [para la Transición Ecológica] todos os datos. Eses trámites víronse alterados dalgunha maneira por un novo procedemento que se concretou no Real decreto de xaneiro, que vén a substituír ao procedemento antigo. Este procedemento di que o Ministerio debe elaborar uns mapas e, unha vez publicados eses mapas, dáse un tempo de até 3 anos para que o goberno autonómico declare zona vulnerábel.
Cando estarán listos eses mapas?
O mapa que determinará a zona de augas afectadas está a piques de saír, iso nos din desde a Dirección General del Agua. É inminente. Eu diría que é cuestión de semanas, dun mes... En todo caso, curto prazo.
Cal é a área afectada?
Vai afectar ás dúas comarcas do Limia, á Limia e á Baixa Limia. Entendo que á chaira do Limia e todo o que drena ao río. E no caso da Baixa Limia, que non ten exactamente a mesma problemática, estaría incluído o encoro das Conchas. Iso é o que nos trasladan.
Inclúe a comarca enteira da Limia?
Non podo chegar aínda a ese nivel de precisión. Non teño o mapa. Falo desde a prudencia. Sei que na Limia entra a canle e todo o que drena ao río. Onde estará a fronteira? Hai que esperar a que se publique o mapa. Con respecto á Baixa Limia, sabemos que entran As Conchas. Mais, insisto, hai que esperar a ver como se delimita.
Incluirá o encoro de Salas?
En principio, non. Porque o estado desa masa de auga é bo.
A partir da publicación dese mapa, que vai a suceder?
Penso que será un elemento fundamental na dinámica medioambiental, na social e na económica. O seguinte paso sería a declaración de zona vulnerábel por parte de quen ten as competencias, e iso está explicitado tamén no Real decreto. Quen ten as competencias é a comunidade autónoma. E dálle unha marxe de tempo, eses tres anos, que pode parecer unha eternidade. Aí é onde hai que dar a batalla para acelerar os trámites. Eu penso que a declaración debía ser rápida, non esperar aos tres anos.
Até non hai moito discutíase que a orixe desta contaminación por nitratos fose a actividade agropecuaria. E temos que entender que esta actividade ten unha repercusión económica e social, é un piar na zona. Temos que tratar de casar o desenvolvemento socioeconómico co medio ambiente, e non pode un primar sobre o outro.
Desde un organismo técnico, como é a Confederación, que se pode dicir hoxe sobre a dimensión do problema da contaminación das augas da Limia?
O que é certo é que tanto as masas de auga subterráneas da Limia como as superficiais non están en bo estado. A auga é un elemento crucial para a vida, e é algo sobre o que hai que actuar e mellorar. Estamos nun contexto de cambio climático no que todo apunta a que o recurso hídrico, sen alarmismos, vai minguar porque as precipitacións estanse a reducir.
Como de urxente é actuar?
Cando cheguei aquí hai tres anos, aínda non se admitía o problema en certos ámbitos institucionais, políticos e sociais. Os datos estaban aí. Até non hai moito discutíase que a orixe desta contaminación por nitratos fose a actividade agropecuaria. E temos que entender que esta actividade ten unha repercusión económica e social, é un piar na zona. Temos que tratar de casar o desenvolvemento socioeconómico co medio ambiente, e non pode un primar sobre o outro. Desde a Confederación seguimos procurando datos, temos na actualidade un convenio coa Universidade de Vigo para afondar na orixe desta contaminación.
Se, como parece, imos a unha declaración de augas afectadas, non será polas protestas dos grupos ecoloxistas, será por os controis que fai a Confederación.
Que está facendo e que pode facer a Confederación?
Vai haber que facer toda unha serie de axustes para rebaixar a contaminación das augas. A declaración levará aparellada a introdución de boas prácticas agropecuarias e novas dinámicas, e esperamos que iso incida positivamente no estado das augas. Pola nosa parte, estamos acometendo os saneamentos en Sandiás, Porqueira e Vilar de Barrio, e imos rematar en Xinzo. Se todos imos facendo os nosos deberes, o ideal sería que desaparecese a contaminación, unha utopía... Pero polo menos rebaixala para que non sexa o problema que é na actualidade.
Os puntos de control son suficientes. Foron suficientes para chegar a esta declaración. E son un terzo dos puntos de control que ten a Confederación en toda a bacía, que son 17.000 quilómetros cadrados.
A Confederación ten comprometido aumentar os puntos de control?
Os controis son suficientes. Temos 20 puntos de control de augas superficiais e 28 de augas subterráneas. Se, como parece, imos a unha declaración de augas afectadas, non será polas protestas dos grupos ecoloxistas, será por os controis que fai a Confederación. Non se descarta que se poida incrementar algún... Pero, insisto, foron suficientes para chegar a esta declaración. E son un terzo dos puntos de control que ten a Confederación en toda a bacía, que son 17.000 quilómetros cadrados.
Como influíu esa constatación da contaminación das augas da Limia no plan hidrolóxico de cunca que se vén de informar favorabelmente hai uns días?
O plan parte da análise da situación actual, e se temos unha masa de auga que non está en bo estado, pois prevense medidas como as que acabo de apuntar: saneamentos, controis... E incluímos a retirada dun obstáculo inservíbel como é o encoro de Gudín no río Faramontaos.
Por que se elimina esa presa?
Porque non cumpre ningunha función. Retirar obstáculos forma parte da política medioambiental do Ministerio. Ademais, unha presa grande como esta ten que ter unha seguridade que ten un custe de mantemento. O Concello de Xinzo tería que asumir ese custe. E para que, se non dá servizo?
Que actuación se vai desenvolver aí?
Imos restaurar o río. Unificar ese curso, limpalo. Permitir a circulación da vida. E mesmo poderíase recuperar algún elemento etnográfico de cultura fluvial. Ademais, temos en marcha un convenio coa Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) para recuperar uns antigos meandros augas abaixo. Tamén imos facer unha balsa para servizo dos helicópteros do dispositivo contra os incendios. Esa foi unha demanda dos veciños que atendemos.
É curioso que ecoloxistas e empresas estean en contra do plan hidrolóxico. E iso quere dicir que non cumpre as expectativas de máximo duns e non cumpre as expectativas de mínimos doutros.
Unha das principais críticas, entre elas a da SGHN, que recibiu o plan hidrolóxico é pola regulación dos caudais mínimos, pouco esixente. Que ten que dicir a iso?
É curioso que ecoloxistas e empresas estean en contra do plan hidrolóxico. E iso quere dicir que non cumpre as expectativas de máximo duns e non cumpre as expectativas de mínimos doutros. A respecto dos percentís, son iguais que os do plan anterior e os caudais incrementáronse lixeiramente. Os ecoloxistas quéixanse porque eles teñen no seu frontispicio a saúde dos ríos, mais a ninguén se lle escapa que a saúde dos ríos é un factor. Hai outros factores no ecosistema no que vivimos que hai que ter en conta.
Cando se aprobará definitivamente o plan?, sufrirá algunha modificación significativa no proceso que queda?
Esperamos velo publicado no BOE antes de setembro. En canto as modificacións, contamos que non as haxa nos elementos básicos.
Houbo empurróns entre a Xunta e o Estado para ver quen saía na foto do regadío...
Desculpe. Discrepo. Os únicos empurróns foron os da Xunta.
Conte.
Desde a Confederación, que non somos o actor principal, puxemos todo o empeño. Tivemos entrevistas co Ministerio de Agricultura para tratar de aproveitar o momento da modernización de regadíos a nivel de toda España. Ao final conseguiuse a implicación da Sociedad Estatal de Infraestructuras Agrarias... Eu os únicos empurróns que vexo son os da Xunta. Se tanta présa tiveran, teríano acometido eles. A modernización a nivel de Estado estase a producir agora. O Estado colaborou sempre con todos. E, desde o meu punto de vista, quedámonos curtos na reivindicación do papel do Estado na modernización do regadío da Limia. O Estado vai poñer uns 16 millóns; a Xunta, 4; e o resto, os regantes. Se quere tanto protagonismo, por que non lle paga o gasto aos regantes?
Para cando eses 42 pozos?
Están autorizados na comunidade de Lamas-Ganade. As de Corno do Monte e da Alta Limia serán as seguintes a finais de mes ou principios do que vén. Hai máis atraso a respecto da de San Salvador. Por que estas diferencias? Porque Lamas entregou antes que ningunha os papeis. Os de San Salvador non foron tan dilixentes.
Eu os únicos empurróns que vexo son os da Xunta. Se tanta présa tiveran, teríano acometido eles. E, desde o meu punto de vista, quedámonos curtos na reivindicación do papel do Estado na modernización do regadío da Limia.
As comunidades teñen permiso para 2.500 hectáreas, pero din que intentarán chegar ás 4.000 porque os 42 pozos están pensados para iso. Haberá que aumentar o recurso, a auga?
O que se pode regar é aquela superficie que estea xustificada. E para xustificar hai que ter claro quen son os propietarios, que parcelas, cal é a superficie... A xustificación a día de hoxe téñena 2.500 hectáreas. Non hai ningún problema para chegar ás 4.000, sempre e cando se saiba quen son os propietarios e se achegue a documentación catastral.
O conselleiro de Medio Rural dixo o outro día en Xinzo que ía encargar un estudo para saber quen son os propietarios.
Levan anos con iso. Como é que non se dan atopado os propietarios? Pode pasar unha vez entre mil, pero a xente sabe o que ten e de quen é cada finca. E non se pode incluír superficie sen saber de quen é, e pretender regala con cartos públicos.
A respecto da limpeza das canles tamén discutiron?
Ese é un investimento do Estado que está anunciado e que quixera subliñar. Porque tamén levamos anos escoitando iso de que a Confederación non limpa as canles. Mire, a Confederación é responsábel da canle principal e tres ou catro secundarias, o resto dos 600 quilómetros de canles son responsabilidade da Xunta ou dos concellos. Agora resulta que temos este anuncio de entre 11 e 16 millóns en función de se se inclúe o arranxo dalgunhas pistas. A limpeza de todo sería asumida polo Estado, e despois a Xunta e os concellos teríanse que facer cargo do mantemento. Iso exixe un convenio. Veremos en que acaba. Espero que se concrete neste 2022.