"Bernardo Varela afirma que agricultores e gandeiros son as vítimas, xunto aos reto da veciñanza, da inacción das consellerías e administracións competentes, que deixan de lado á maior zona de produción agrogandeira do país”, di o BNG nun comunicado de prensa no que anuncia unha iniciativa que levará o seu deputado provincial ao pleno da Deputación este venres na que se pide que “a Consellería de Medio Rural faga público con carácter inmediato o Plan estratéxico do sector Agrario da Limia xa rematado en novembro de 2021”.
Varela, sinala a nota, opina que “a solución inicial pasa pola adopción de medidas multidisciplinares xurdidas da Mesa da Limia e recollidas no Plan Estratéxico, e reclama “a adopción de medidas urxentes ante o problema de contaminación nas comarcas da Limia e a Baixa Limia e para evitar a ameaza de declaración das mesmas como zona vulnerable”.
A declaración, que corresponde á Xunta de Galiza, ten un prazo de 3 anos para se emitir, e o tempo empezou a contar o pasado mes de maio cando o Ministerio de Transición Ecológica publicou o mapa actualizado de augas afectadas por contaminación no conxunto do Estado.
O BNG insiste en que o Plan estratéxico debe facerse público xa e “comezar a executar as súas determinacións neste mesmo ano 2022”. Ademais, os nacionalistas esixen que “se faga público en que estado se atopa o expediente” de declaración da Limia como zona vulnerábel e que medidas ten tomado a Xunta até este instante “para evitar esta declaración”.
E tamén reclama da Confederación Hidrográfica Miño-Sil que, como organismo da Conca do río Limia, emprenda as accións conducentes “a minimizar a contaminación das augas e a mellora e optimización dos sistemas de regadío”.