A DOCUMENTACIÓN DA EMPRESA INCLÚE UNHA SEPARATA PARA O CONCELLO DE BALTAR

NOTICIAS A LIMIA | O alcalde de Baltar descoñecía o proxecto da LAT do Larouco publicado hai 41 días no DOG

José Antonio Feijoo, alcalde de Baltar, coa conselleira Ángeles Vázquez (daquela en Medio Rural) no 2016. | FOTO: Xunta de Galicia

José Antonio Feijoo, alcalde de Baltar desde 2007 e antes alcalde de Xinzo de Limia durante dous anos, asegurou onte ao Diario do Limia descoñecer o proxecto de Iberdrola para construír a Liña de Alta Tensión (LAT) que saíu a exposición pública o pasado 26 de novembro de 2021. 41 días despois de que no DOG se publicase o acordo polo que se someten a información pública o estudo de impacto ambiental e o proxecto de execución da liña entre o polígono eólico de San Martiño (en trámite), enclavado en Baltar, e a subestación do Larouco, emprazada en Xinzo, o alcalde manifestou pola mañá que non tiña constancia do trazado.


"Eu lin algo ao respecto da oposición dos clubs e das federacións de parapente, e a miña postura é claramente de defensa do parapete. Nós non temos coñecemento dese proxecto de liña de alta tensión. Fixen unhas chamadas e dinme que non temos constancia oficial desa liña. Temos coñecemento dunhas iniciativas eólicas, e falando coas empresas dinnos que sempre tiveron en conta o do parapente", declarou Feijoo pouco despois do mediodía en conversa telefónica con este medio.

Separata con información para o Concello de Baltar, no proxecto de execución a exposición pública.

O Proxecto de Execución da LAT do Larouco inclúe unha separata con información específica para o Concello de Baltar [ver imaxe arriba]. A separata é un documento de 58 páxinas e comeza dicindo: “El presente documento se redacta con objeto de informar al Ayuntamiento de Baltar, sobre la descripción y justificación de la futura construcción de la línea eléctrica 132 kV San Martiño – Subestación Larouco, la cual, tiene afección sobre dicho término municipal”. Ese documento ten data do 8 de agosto, e é público desde o 26 de novembro.

Horas máis tarde, desde o Club de Parapente de Baltar confirmaron que o alcalde se tiña posto en contacto coa entidade para lles anunciar que o goberno municipal de Baltar ía presentar alegacións ao proxecto da LAT do Larouco.

Anuncio do DOG, no taboleiro do Concello de Xinzo, onte. | FOTO: Diario do Limia.

O Concello de Baltar, como o de Xinzo de Limia, en canto o seu territorio está afectado pola infraestrutura, ten a obriga de dar publicidade ao acordo da Xefatura Territorial de Ourense da Consellería de Economía, publicado no DOG do venres 26 de novembro. Onte, na Casa do Concello de Xinzo, o documento en papel estaba pendurado no taboleiro de anuncios. [ver imaxe arriba].


O proxecto da LAT do Larouco recibiu contestación por parte das federacións galega, española e portuguesa de parapente. Tamén está sendo contestado desde colectivos ecoloxistas, como Petón do Lobo, que elaborou alegación específicas ao proxecto, e a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, que xa alegou ao plan do polígono industrial San Martiño, na Boullosa, tamén en trámites, cun perímetro de afección que se sitúa a menos dun quilómetro do Parque Natural do Xurés e prevé instalar aeroxeradores moi próximos de aldeas portuguesas e galegas.