Comezará o 30 de maio, cun total de 27 horas lectivas

NOTICIAS A LIMIA | Medio Rural organiza en Xinzo un curso para manipular produtos fitosanitarios

José Luis Cabarcos, director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria. | FOTO: Xunta de Galicia.

A Axencia Galega da Calidade Alimentaria, organismo da Consellería de Medio Rural, anunciou este luns que Xinzo de Limia acollerá un para obter o carné básico de aplicador e manipulador de produtos fitosanitarios.


A formación, organizada pola Oficina Agraria Comarcal de Xinzo, realizarase na Casa da Cultura a partir do 30 de maio, cun total de 27 horas lectivas, en sete sesións de 16:00 a 20:00 horas. 


"O curso ten como obxectivo que os participantes adquiran coñecementos sobre o uso sostible dos produtos fitosanitarios así como sobre o seu manexo e aplicación de acordo coa normativa ao respecto, para que poidan exercer esta actividade en Galicia e no resto de España", explica nun comunicado de prensa o departamento de Medio Rural.


Esta iniciativa está dirixida "a calquera persoa vinculada profesionalmente cos sectores produtivos relacionados coa agricultura, gandaría, industria agroalimentaria e cadea forestal-madeira, así como a mozos e mozas do medio rural galego e a persoas con expectativas de incorporación ao sector", subliña a consellería.


O programa informará sobre pragas e enfermidades dos cultivos e os métodos de control máis axeitados, sobre os distintos produtos fitosanitarios e a súa secuencia correcta de transporte, almacenamento, manipulación e aplicación.

Tamén se incidirá, sinala a consellería, en conceptos como a perigosidade dos produtos fitosanitarios para a saúde das persoas, a súa dosificación, os equipos apropiados para a súa aplicación e a normativa relacionada, ademais das estratexias e técnicas para a xestión integrada de pragas.