O órgano reitor xa apoiara no verán unha moratoria impulsada polo SLG e a coordinadora estatal Aliente

NOTICIAS A LIMIA | A Reserva da Biosfera de Allariz, contra os macroeólicos en Rairiz

Cartel anunciador da reunión deste xoves en Congostro. | FOTO: Noelia Caseiro.

A Reserva da Biosfera de Allariz dirixirá un escrito á Xunta de Galicia e outro ao Comité español do MaB, encargado da coordinación estatal do Programa Home e Biosfera (MaB, polas siglas en inglés) da UNESCO, no que mostra a súa decisión de non apoiar a instalación de polígonos eólicos nas zonas núcleo e tampón da reserva, que foi declarada como tal no ano 2005 e abrangue todo o territorio dos concellos de Allariz, A Bola, Rairiz de Veiga e Vilar de Santos.


Fontes próximas ao órgano reitor, avanzaron ao Diario do Limia que a Reserva da Biosfera de Allariz expresa a súa oposición a instalación nesas zonas de máxima protección e, no caso da zona de transición da reserva, só admitiría proxectos “de menores dimensións, con 1,5 MW de potencia como máximo e con retorno público”.

É a segunda vez que o órgano reitor da reserva se pronuncia a respecto da proliferación de proxectos eólicos. Este mesmo verán, a de Allariz foi unha das tres reservas de biosfera do Estado que apoiou unha moratoria científica sobre este tipo de infraestruturas, promovida pola coordinadora estatal Aliente e impulsada no país polo Sindicato Labrego Galego (SLG).

Naquela altura, a posibilidade dunha central eólica no territorio da reserva baseábase nunhas negociacións incipientes entre unha empresa promotora e a comunidade de montes de Congostro, en Rairiz de Veiga, zona que fica dunhas das áreas de aproveitamento eólico delimitadas no Plan Sectorial Eólico de Galicia (de 1996). 


Mais hoxe mesmo, 20 de outubro, está prevista unha reunión dos comuneiros de Congostro para decidir entre dúas ofertas: unha da empresa Vestas e outra de ACS. As ofertas reflectíronse en documentos e nun mapa da posición dos aeroxeradores, que sitúa unha instalación de, cando menos, 24 aeroxeradores, entre Rairiz de Veiga, Bande e Verea. As propostas empresariais contemplan aeroxeradores de 6 MW de potencia e unha altura de 200 metros até a punta das aspas.

MORATORIA E INFORME CIENTÍFICO
A Reserva da Biosfera de Allariz, que reuniu este pasado luns o seu órgano reitor, expresará a súa postura diante da Xunta de Galicia e ao Comité do MaB, que depende do MITECO (Ministerio de Transición Ecolóxica). A Reserva de Allariz reitera a súa posición ao respecto da moratoria científica, que se refire a paralización dos proxectos macroeólicos mentres non se realice un estudo de viabilidade que o MaB encargou ao seu Comité científico.


As conclusións dese informe, que inclúe a toma en consideración dos potenciais impactos de instalacións fotovoltaicas e termo solares en territorios declarados reserva, aínda esta pendente. A moratoria conta, ademais de coa Reserva de Allariz, do apoio do MEL (Movemento Ecoloxista da Limia), a Sociedade Galega de Historia Natural e a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova, desde onte se advirte que ese novo proxecto sitúase nunha área onde xa existe un parque operativo (o do Vieiro) e dous en tramitación (o do Monte Grande, en Bande; e o do Monte da Neve, entre Verea e Celanova). Ademais, serviríase da LAT entre Calvos de Randín e Padrenda, que proxecta Greenalia, e que tamén foi contestada desde a plataforma, distintos colectivos e mesmo publicamente por gobernos municipais como o de Porqueira.

Desde a plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova lembran que o colectivo tamén deu o seu apoio á moratoria na Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gêres-Xurés, afectada por, al menos, dous proxectos de liñas de alta tensión: a LAT do Xurés entre A Boullosa (Baltar) e a subestación de Naturgy en Mugueimes (Muíños), e a LAT de Greenalia, entre o parque en tramitación na Aguioncha (Calvos de Randín) e a subestación de Naturgy na Fieira, no río Miño, corenta quilómetros ao norte, no concello de Padrenda. Ademais, a Reserva Transfronteiriza tamén está afectada polo proxecto na Aguioncha e polo do Monte Grande, ademais do de San Martiño (Baltar), situado apenas a 600 metros do límite da reserva. 


Precisamente o estudo que realiza o Comité científico do MaB ten en conta as afeccións a 10 quilómetros do límite das reservas. En escritos de alegacións a estes cinco proxectos eólicos, interpelouse aos órganos reitores desta reserva, mais polo momento a entidade non emitiu resposta pública ningunha.