NOTICIAS A LIMIA | O SLG pide que Calvos solicite moratoria científica contra os eólicos na Reserva da Biosfera
O Sindicato Labrego Galego (SLG) vén de rexistrar unha petición en 82 concellos do país para que se adhiran a unha moratoria á aprobación dos parques eólicos situados nas Reservas da Biosfera de todo o Estado español. Este escrito foi enviado aos seis concellos que fan parte da Reserva Transfronteiriza Gêres-Xurés, entre eles, Calvos de Randín, xunto a Bande, Entrimo, Lobeira, Lobios e Muíños.
O SLG busca acadar "o compromiso das administracións públicas de non aceptar máis parques eólicos até que sexa realizado o informe do Comité Científico", en referencia a decisión do Organismo Autónomo de Parques Naturales dependente do MITECO (Ministerio para la Transición Ecológica y el Reto Demográfico) de encargar ao seu Comité Científico un estudo sobre a viabilidade das instalacións eólicas, fotovoltaicas e termosolares, incluída a repotenciación, e infraestruturas asociadas en territorios declarados Reservas da Biosfera en España.
"As Reservas da Biosfera son territorios cuxo obxectivo é harmonizar a conservación da diversidade biolóxica e cultural e o desenvolvemento económico e social a través da relación das persoas coa natureza, pero a masificación de macro-proxectos enerxéticos poñen en risco a biodiversidade e aumentarán o xa grave problema de despoboamento e envellecemento", di o escrito do Sindicato Labrego que fai parte dunha campaña da rede ALIENTE a nivel estatal.
O mesmo documento foi remitido a todos os concellos integrados nas reservas da biosfera Terras do Miño (26 concellos), Os Ancares Lucenses (3), As Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo (17), Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel (23) e Río Eo, Oscos y Terras de Burón, con 14 concellos (7 deles, galegos).
E nel pídese que os concellos apelen ao principio de non regresión (Lei 7/ 2021, do 20 de maio, de cambio climático e transición enerxética) para demandar ao órgano substantivo da comunidade autónoma pendente de emitir as Declaracións de Impacto Ambiental sobre os proxectos industriais en tramitación "unha moratoria científica para os territorios declarados Reservas da Biosfera".