NOTICIAS A LIMIA | Verdegaia alerta contra a destrución da Veiga do río Lobás
“A Veiga do río Lobás leva anos sufrindo unha importante degradación dos seus sistemas naturais coa expansión da gandaría intensiva que nos últimos tempos se está a incrementar o que acelera a degradación deste sistema”, alerta este mércores o colectivo ecoloxista Verdegaia.
Os ecoloxistas sinalan o aumento na produción de porcino “nos últimos anos” como causa dun “forte incremento na produción de residuos, singularmente residuos orgánicos en estado liquido coñecidos como xurros” que se estarían a espallar por toda a comarca e zonas limítrofes “en cantidades moi superiores ás permitidas”.
Verdegaia lembra nun comunicado publicado na súa web que a Veiga do Lobás “debería ser protexida e excluída do proceso de concentración parcelaria” e así se recolle, indica, na Declaración de Impacto Ambiental da zona de Concentración Parcelaria de Castelaus-Lobás, no Concello de Calvos de Randín, publicada en agosto de 2013 e tamén recollida no informe da Dirección Xeral de Conservación da Natureza cando se refire á zona asociada á veiga do Río Lobás, próximo ao núcleo de poboación de Serois.
O colectivo ecoloxista denuncia que malia a normativa, “nos últimos meses vense realizando nesta área unha roza con maquinaria pesada que supón a total destrución do hábitat que afecta á práctica totalidade da súa superficie, que conformaban esta zona protexida da realización de actividade agrícola. Aproximadamente 10 das 12 hectáreas están sendo destruídas co propósito de criar un depósito para os xurros procedentes da actividade gandeira”.
---Verdegaia alerta que se está rozando co propósito de criar un depósito para os xurros procedentes da actividade gandeira.
Segundo os ecoloxistas, nesta zona existe un hábitat natural, Queirogais húmidos atlánticos de zonas temperadas de Erica ciliarise Erica tetralix, que posúe “unha grande importancia pola súa riqueza ecolóxica e polo seu papel como reserva de carbono en forma orgánica”.
Desde Verdegaia reclaman que “se investigue, se identifique e sancione aos responsables”, e esixen que a Administración “paralice calquera actuación nesa zona e que se procure a restauración da zona degradada”.
Precisamente no nacemento do río Lobás, na serra entre Calvos de Randín, Os Blancos e Baltar, é onde Greenalia ten proxectado un polígono eólico de 7 aeroxeradores. Dúas desas maquinas, de 200 metros de altura, estarían segundo o plan situadas moi próximas a área de policía de augas do Lobás.
Ademais, a infraestrutura de evacuación de enerxía proxectada, e cuxo percorrido desvelou hai dúas semanas a alcaldesa de Porqueira, cruzaría a Veiga do Lobás e atravesaría o propio curso do río, continuado cara a Paradela de Abeleda e Reboreda, as aldeas de Porqueira que encabezan a oposición á Liña de Alta Tensión.
Alén das afeccións derivadas da industria eólica, as alertas sobre rozas en zonas próximas á chaira da Limia, desde o Macizo até o Laboreiro sucédense desde hai dous anos. O Movemento Ecoloxista da Limia xa vén denunciando estas prácticas diante da Xunta. A Veiga do río Lobás fai parte do sistema de conca do Limia e está a poucos quilómetros das áreas de protección de avifauna de Ponteliñares e A Limia.