Máis de 200 ciclistas completaron onte os dous trazados da Ruta do Cocido

DEPORTES A LIMIA | Trasmiras aposta por crear un percorrido permanente de BTT

Dous participantes, onte na Ruta do Cocido. | FOTOS: DdL

Malia que algunha sinalización desapareceu e houbo ciclistas que perderon tempo demais en dar co recorrido, a Ruta do Cocido, na súa undécima edición, foi un éxito de participación e compromiso. As primeiras, as corredoras e os corredores. Tamén por parte da organización do club BTT Nocelo e a colaboración do Concello de Trasmiras. Quince persoas, ademais de persoal sanitario e de seguridade, conseguiron que a xornada transcorrese con normalidade.

Os máis de 200 participantes saíron ben cedo, sen chuvia (non apareceu durante toda a mañá) e con temperaturas máis suaves das que se anunciaban. Non foi unha ruta extrema, como a de outros anos en xaneiro; pero o percorrido foi esixente. O pelotón desfíxose pronto e os ciclistas foron chegando á meta con minutos de diferencia entre eles.

Non é a Ruta do Cocido unha competición ao uso. Mais ben é unha xuntanza entre afeccionados á bici de montaña. Houbo participación de outras comunidades e unha comida como ramo nun restaurante de Viladerrei. Unha xornada franternal, con esforzo e recompensa para todas.

Despois dun percorrido inicial por Trasmiras (1 quilómetro), as participantes avanzaron cara dous circuítos, un de 44 e outro de 63 quilómetros. As que optaron polo trazado máis curto empezaron a chegar ao pavillón polideportivo pouco despois das 12:30 horas, onde había chocolate, bica e unha ducha nos vestiarios alimentados con enerxía solar.

No xantar, no restaurante César, o prato único foi o cocido. Alí, o alcalde de Trasmiras, Emilio Pazos, asegurou que entre os obxectivos a curto prazo do seu goberno está o de “consolidar un circuíto BTT permanente en Trasmiras, porque temos recursos naturais incríbeis que merecen ser visitados. Poremos en marcha unha ruta permanente tanto para BTT como para roteiros pedestres”, segundo informa o Concello de Trasmiras nunha nota de prensa este luns.

Momento da saída en Trasmiras.