Comezou a volta ciclista O Gran Camiño, con vitoria do dinamarqués Cort, primeiro líder

DEPORTES A LIMIA | Carlos Canal, vixésimo sexto na meta de Vigo, cede dez segundos na primeira etapa

A fuga do día no Gran Camiño. | IMAXE: ciclismo a fondo

Magnus Cort foi o máis rápido na pendente final polas rúas de Vigo, gañou a primeira etapa por diante do italiano Lonardi e do murciano Alejandro Valverde (ex campión do mundo) e converteuse no primeiro líder do Gran Camiño, a volta por etapas que pasará pola Limia pasado mañá sábado, nos primeiros quilómetros da terceira xornada.


O limiao Carlos Canal finalizou o día na 26.ª posición, cedendo 10 segundos con Cort, e un segundo con Jon Barrenetxea (Caja Rural) que encabeza a clasificación dos novos e levará mañá o maillot branco. Canal figura na 4.ª praza desa clasificación.


A segunda etapa, mañá venres, recorrerá a provincia da Coruña entre Bertamiráns e o Miradoiro do Ézaro. Serán 180 quilómetros de continuo sube e baixa con remate no Miradoiro, final habitual en carreiras como La Vuelta. As posibilidades de Carlos Canal de estar entre os primeiros da xeral empezarán a definirse nesa subida.


Polo momento, o primeiro ciclista galego na clasificación é Delio Fernández, que hoxe terminou décimo. Despois da primeira xornada, a clasificación da montaña está liderada por Jon Barrenetxea, e a xeral por equipos, polo Movistar de Alejandro Valverde.