DEPORTES A LIMIA | O Celta de Vigo abre escola en Xinzo de Limia
Diego García Sarabia traballa no departamento internacional do R.C. Celta de Vigo, o referente do fútbol de canteira no país. Os luns pola tarde viste roupa deportiva e pisa o céspede. Habituado como está ao avión, a viaxe desde Ourense é un paseo mesmo no inverno.
Hoxe toca control e pase no Fernández Carrera. Ás cinco é a quenda dos máis pequenos, os pre-benxamíns. Diego García Sarabia dirixe a sesión. "Control e pase", esixe. "Agora coa zurda". "Control, xiro e disparo". Os nenos esméranse. Pero o balón pesa e a repetición tamén. Cada pouco algún se despista.
Antes pasaron os alevíns (até 12 anos); despois virán os benxamíns. Diego García Sarabia xogou no Antela, vive en Ourense e conserva moitas amizades en Xinzo. Por iso cando desde as Escolas Deportivas e o Concello de Xinzo lle propuxeron adestrar unha vez á semana, os luns, a tres grupos dos futbolistas máis novos do club non tivo dúbidas.
Así se creou, a comezos desta mesma temporada, a primeira experiencia de tecnificación co selo do Celta de Vigo fóra da provincia de Pontevedra. Foi un acordo a tres bandas, os clubs e os concellos, con Diego á cabeza.
“Traemos o método da Madroa, con grupos reducidos e traballo intenso, acompañados sempre por algún adestrador das Escolas Deportivas de Xinzo para facer sesións moi dinámicas”. Para os cativos é un xogo. Cada sesión, tres exercicios. E reiteración de elementos técnicos: control, centro, remate. “Cada semana definimos un obxectivo para a mellora. Isto é unha axuda aos rapaces e aos adestradores, que non teñen tempo para ensaiar estes detalles que son a base do fútbol”, di Diego.
Ás seis chega a quenda dos cativos de nove e dez anos. Ocupan en tropel a grada, ansiosos por tocar balón. Abaixo, entre os máis pequenos, cada xesto custa un mundo. Diego celebra o primeiro gol de cabeza da sesión.
“A min gústame tanto ou máis que a eles. É certo que cos alevíns podes ir a outro ritmo, e cos pequenos é todo máis amodo. Hai que ter paciencia, tranquilidade. A marxe para a mellora é grande. O que non quere dicir que quen practique menos non mellorará. Mellorarán todos”.
A participación segue aberta a todos os rapaces das Escolas. Esta é a primeira experiencia. “Veremos que pasa, que opinións recibimos dos técnicos da casa e dos pais. Se gusta, se axuda, por min estaremos aquí moitos anos”, di Diego, que leva como pode o asunto da covid. “O peor é ver os nenos xogar con máscaras, non aprecias as expresións nin eles te entenden igual cando lles falas... pero a norma é esa, e o problema está en todas partes, en todo o mundo”.
Remata o adestramento cos pequenos e Diego senta á tropa no círculo central. Este luns quenta o sol. Despois, Dani Fariñas, o técnico da casa, ordena os dous grupos, o que sae e o que entra, para a foto na grada. Os rapaces gardan silencio, como cando Diego ordena: “Control e pase”. O fútbol é un asunto serio, aquí como na Madroa.