DEPORTES A LIMIA | O Gran Camiño pasará o 26 de febreiro por Vilar de Barrio, Sarreaus, Xinzo e Sandiás
Carlos Canal, ciclista profesional limiao desde esta tempada nas filas do equipo Euskatel-Euskadi, será o principal reclamo da volta ciclista O Gran Camiño que disputará a súa primeira edición en catro etapas entre o 24 e o 27 de febreiro.
O terceiro día de competición, o 26, sábado, a proba circulará por estradas da Limia. Ese día partirá de Maceda e pasará por Vilar de Barrio, Sarreaus, Xinzo de Limia (onde se estableceu unha meta voante) e Sandiás. O percorrido, de 148 quilómetros e catro altos de montaña, finalizará en Luintra.
Está prevista a participación, entre outros, de equipos como o Movistar, o Education First, o Cofidis e o portugués Tavira.
O Gran Camiño consta de catro etapas. Cada unha delas disputarase nunha provincia galega. A primeira unirá O Porriño e Vigo despois de 163 quilómetros; a segunda, de 183 quilómetros, disputarase entre Bertamiráns e O Ézaro (final en alto); e a cuarta, ao día seguinte do percorrido ourensán, terá como escenario a localidade lucense de Sarria. Serán 15,9 quilómetros contra o reloxo.
A proba foi incluída este ano na categoría 2.1 do calendario da Unión Ciclista internacional e está prevista a participación, entre outros, de equipos como o Movistar, o Education First, o Cofidis e o portugués Tavira, ademais do Euskatel-Euskadi con Carlos Canal.
Antes da proba galega, no calendario internacional disputaranse varias carreiras de un día da tempada profesional estatal: Clàssica Comunitat Valenciana, Calviá, Deia, Pollença, Alcudia e Palma de Mallorca, en xaneiro. E, xusto a semana anterior, a Volta ao Algarve, en Portugal.