FÚTBOL A LIMIA | O Antela alcanza os 500 socios e suma outra vitoria que o achega á promoción
O primeiro equipo do Antela celebrou cunha vitoria onte diante do Covadonga (2-0, goles de Borja e Tazos) que o club alcanzou a cifra de 500 socios esta tempada. Despois dun ano sen competición e un comezo de Liga complicado que levou á destitución do corpo técnico en xaneiro, o Antela vai recuperando músculo social mentres se mantén con aspiracións de ascenso.
"A última referencia que temos é os 619 socios do último ano en Preferente", explica Pablo Losada, o presidente do Antela en conversa telefónica co Diario do Limia. "Estes últimos anos andamos nesas cifras, que penso que están moi ben para un club como o noso, un histórico do fútbol ourensán, que en canto a masa social está un pouco por riba, só un pouco, doutros como o Verín, o Celanova ou o Arenteiro... polo que nos din".
O socio número 500 recibiu esta semana como agasallo unha camiseta conmemorativa. O club fixo o envío a Tarragona. Alí reside o limiao Daniel De la Fuente, socio número cincocentos. Un seareiro especial porque é o fillo de Ramón De la Funte, que durante 14 anos ocupou a presidencia do Antela e faleceu recentemente.
Daniel De la Fuente enviou o club varias fotos posando co carné de socio e a camiseta branquinegra. "Temos socios moi fieis, xente que lle quere ao Antela, así que os carnés pasan de país a fillos e renóvanse moi fácil", di Pablo Losada.
O carné de socio custa 40 euros por tempada. O de socio colaborador, que é o que abonan habitualmente empresas ou negocios colaboradores, 70 euros. A recadación por socios supón aproximadamente o 40% do orzamento anual do Antela. O resto corre a conta de patrocinadores e da subvención do Concello de Xinzo.
"Non sabemos se estas cifras de socios, entre 500 e 600 están moi lonxe das que había nos anos setenta e oitenta... o libro de Cerredelo non ofrece eses datos. Pero non temos queixa, sentímonos moi apoiados e a vida social do club ten certo dinamismo", di o actual presidente, que leva dúas tempadas no cargo.
A afluencia aos partidos do primeiro equipo na Moreira está nunha media de entre 250 e 300 espectadores. Iso nunha tempada complicada polos resultados. "Estamos contentos de como vai a cousa, e pedimos que a xente, nestes días do Entroido, faga un esforzo e siga acudindo. Estámonos xogando entrar na fase de ascenso", lembra Pablo Losada.
Despois da vitoria no partido deste venres diante do Covadonga, que foi aprazado no seu día pola covid-19, o Antela consolida a cuarta praza, con 21 puntos, os mesmos que o terceiro clasificado, o Santa Teresita. Restas dúas xornadas de competición. O Antela recibirá o próximo domingo (18:00 horas) ao Cartelle, e pechará a Liga en Celanova, no campo do líder.
O primeiro clasificado desta fase pasará á segunda fase con 5 puntos; o segundo clasificado, con 3; o terceiro, con 2; e o cuarto, con 1 punto. O Antela pelexará por alcanzar a terceira praza. O Celanova e o C.D. Allariz xa son inalcanzábeis.