FÚTBOL A LIMIA | O Antela cae na cerellada do Carballiño
FASE DE ASCENSO A PREFERENTE
O Allariz alcanza o liderado, empatado a puntos co A Peroxa, cun de vantaxe sobre o Celanova e tres a respecto do Antela. Completada primeira volta da fase de ascenso a Preferente, as cartas están boca arriba. Allariz, Celanova e Antela pelexarán pola única praza de promoción sen enfrontarse entre eles. O A Peroxa mantén as súas opcións intactas despois de empatar hoxe co Celanova no último minuto, pero ten o calendario máis complicado.
O Antela teno máis difícil que ningún, dado o reparto de puntos. Pero xa pasou polos campos máis complicados: o Marco e a Uceira. Os equipos procedentes do grupo A resultaron ser, en cada choque, como unha visita ao dentista. Mais o do Sporting Carballiño no seu campo é peor: é como ir ao dentista e ter que volver mañá.
Farán ver os de Óscar Sabucedo en esquecer canto antes o partido de hoxe, que acabou mal e puido acabar peor cunha media liorta no campo e nos vestiarios. O Carballiño é un deses equipos aos que o fútbol non lles dá para máis e recorren as malas artes para encerellalo todo.
Así se resolveu o partido. Martín, o dez local, que na primeira parte xa anotara grazas a un penalti moi discutido polo Antela, cobrouse o segundo tanto do día cumprido o minuto 90 de partido grazas a outro penalti dos que hai que querer pitar. Levoulle o seu traballo, pasouse o choque falando co árbitro e ameazando aos rivais, en sintonía cos lingoreteiros Mellado e Alejandro. O partido viviuse nunha bulla permanente nas gradas e no campo.
Unha trampa da que o Antela non soubo saír. Pasou o equipo de Sabucedo a primeira parte sen encontrar a chave que habitualmente gardan Pedro e Borja. Só Sergi, o máis incisivo do día, molestou algo ao meta rival. O Carballiño foi metendo o partido no seu rego até que nun barullo entre os centrais, o balón quedou solto dentro da área. Suso adiantouse no despexe, pero o árbitro viu penalti.
O Carballiño é un deses equipos aos que o fútbol non lles dá para máis e recorren as malas artes para encerellalo todo. O partido viviuse nunha bulla permanente nas gradas e no campo
O Antela empurrou en busca do empate e conseguiuno case no fío despois dunha combinación de todo o ataque que acabou en centro de Sergi e remate de Pedro que o meta detivo sobre a raia. O árbitro apreciou gol.
Na segunda parte os de Sabucedo tomaron por fin o balón. Levoulles cinco minutos anotar o segundo. Foi a través dun penalti que marcou Tazos. E outros dez marcar o terceiro diante dunha zaga que parecía a piques de sacar a bandeira branca. Sergi tivo pouco despois un man a man para sentenciar o choque, mais enviou a pelota alta.
Faltaban 20 minutos de tortura e o Carballiño incrementou a bulla. O Antela botouse atrás. Sabucedo decidiu substituír a Peque, con tarxeta, e a Borja, moi canso, para aguantar a acometida final. Mais esta vez os cambios non melloraron o equipo, que perdeu interese no ataque malia os esforzos de Pedro.
O Carballiño reduciu a distancia despois dunha xogada a balón parado. E tivo ocasións e acosou con constancia á área de Suso até que o árbitro premiou tanta insistencia pitando un “penalti tonto”. Así foi como o colexiado, de nome Yago Casas, xustificou a sanción diante dos desesperados xogadores visitantes.
Faltaban 20 minutos de tortura e o Carballiño incrementou a bulla. O Antela botouse atrás. Sabucedo decidiu substituír a Peque, con tarxet. Mais esta vez os cambios non melloraron o equipo
O partido estaba no desconto. Un defensa local mandou un balón bombeado e Suso pediuno para el e bloqueou sen dificultade. O dianteiro máis próximo non chegaba, pero Borja Carballo tropezou con el e o dianteiro botouse ao chan berrando.
“Un penalti tonto”, dixo o xuíz, que pasou medio partido máis atento á bulla que metía a grada e ás queixas de Martín e compañía que o xogo. O xuíz atendeu ao contexto ambiental e explicouse tirando de retórica. Despois, claro, camiño dos vestiarios houbo lea. O remate do guión que mellor viste o Carballiño de Manuel Rodríguez, un técnico entrado en canas que tamén tirou de retórica, “o árbitro non tivo a culpa”, para explicar o amago de pelexa.
O Antela disputará xornada de Copa o próximo xoves. A Liga regresará dentro de quince días. Os de Sabucedo visitarán ao Vilariño. O Allariz xogará no Carballiño e o Celanova viaxará a Maside. Na Peroxa, os locais, aínda con opcións intactas, recibirán ao Barbadás B.
FICHA TÉCNICA
ANTELA: Suso, Peque (Carballo, 69'), Breixo, Juan, Borja Tazos, Pablo Forri, Xabi Lamas (Carrasco, 75'), Pedro, Sergi (Germain, 90'), Borja (Samuel, 69') e Joni (Nogueiras, 90').
SP. CARBALLIÑO: Borja, Trindade, Pousa, José Rodríguez (Pablo, 80'), Portos (Rubén, 67'), Martín, Decabo (Adrián, 80'), Mellado (Xosé Lois, 46'), Jacobo (Noel, 44'), Heras e Alejandro.
GOLES: 1-0, Martín (20', penalti). 1-1, Pedro (45’). 1-2, Borja Tazos (50', penalti). 1-2, Joni (65'). 2-3, José Rodríguez (75'). 3-3, Manu (90', penalti)
ÁRBITRO: Yago Casas. Auxiliado por Domínguez Del Pino e Ferreira Oliveira. Sancionou con tarxetas amarelas a Mellado (18'), Martín (25'), Jacobo (35'), Xosé Lois (35'), Portos (50') e Pousa (80') polos locais; e, polos visitantes, a Suso (20’), Peque (38'), Carrasco (60'), Borja (80'), Carballo (90') e expulsou ao adestrador Óscar Sabucedo co partido xa rematado.
OUTROS RESULTADOS
Vilariño, 0; Barbadás B, 3.
A Peroxa, 1; Celanova, 1.
Maside, 2; Allariz, 3.
CLASIFICACIÓN
1.º Allariz, 12 puntos
2.º A Peroxa, 12.
3.º Celanova, 11.
4.º Antela, 9.
5.º Barbadás B, 7.
6.º Vilariño, 7.
7.º Carballiño, 4.
8.º Maside, 4.