FÚTBOL A LIMIA | Seis baixas e cinco xuvenís na convocatoria do Antela que visita o campo do líder
Con seis baixas de xogadores do primeiro equipo (Samuel, Belucho, Germain, Pisto e Pablo e Juan Forri) e cinco xuvenís na convocatoria (Carballo, Xabi Lamas, David Lamas, Peque e o porteiro Alvar) viaxará mañá o Antela para pechar a primeira fase da Liga no campo do líder, o Sporting Celanova (16:30 horas).
Unha vitoria confirmaría ao Antela na terceira praza final do Subgrupo B de Ourense na Primeira Galega. E permitiría aos de Óscar Sabucedo empezar a seguinte fase, na que estará en xogo o ascenso a Preferente, con 2 puntos. Calquera outro resultado, deixa a clasificación dos limiaos en mans do Santa Teresita e do Babadás B, que se enfrontan este domingo.
O Antela xa cumpriu un dos obxectivos de Sabucedo cando chegou ao banco en xaneiro: xogará a promoción de ascenso. Despois de 4 vitorias, 2 empates e 1 derrota (diante do C.D. Allariz) desde que Sabucedo se fixo cargo do equipo, os limiaos chegan ao campo do líder nunha situación moi distinta á do partido de ida, o último do ano na Moreira, cando o Celanova gañou por dous goles a cero.
O domingo pasado, diante do Cartelle, nun partido que se torceu ao final da primeira parte, o Antela demostrou confianza e certo fondo físico para conseguir unha vitoria imprescindíbel. A parella Pedro-Borja, con Joni e Tazos nos extremos e Pancho e Pablo Forri no eixo, despregou fútbol ofensivo e xerou numerosas ocasións.
Mañá, diante do Celanova, o equipo sufrirá unha baixa sensíbel, a de Pablo Forri. Sabucedo deberá recompoñer o medio campo. Un xuvenil, Carballo, polo que demostrou nos minutos máis complicados diante do Cartelle, parece unha das opcións para asumir maior responsabilidade. O Antela tira de canteira e atopa fondo de armario.
Na Liga de Segunda Galega (Grupo 3), o Piñeira Seca, terceiro e en zona de promoción, recibe ao Viana, que marcha cuarto cun punto (e un partido) menos.