O primeiro equipo xoga este mércores co Pabellón xuvenil no sintético Fernández Carrera

FÚTBOL A LIMIA | Derrota do Antela B na estrea diante do Muíños (2-3)

O once do Antela B no seu debut onte na pretempada no Fernández Carrera. | FOTOS: Antela F.C.

O Antela B de Toncho estreouse onte cunha derrota diante do Muíños (2-3) no sintético Fernández Carrera, o mesmo escenario que esta tarde acollerá o terceiro partido de pretempada do primeiro equipo, o rival será o Pabellón xuvenil. 


Atanes anotou os dous tantos do Antela B no partido contra o Muíños, no debut dun conxunto que é resultado da fusión do equipo sénior das Escolas Deportivas de Xinzo cun grupo de ex xogadores do Antela. Onte Toncho aliñou a Juan Forri (capitán a pasada tempada do primeiro equipo) e a Borja Carballo, xuvenil que disputou a fase de ascenso baixo as ordes de Óscar Sabucedo.


O Antela B volverá xogar pasado mañá venres no Fernández Carrera. O rival será o A Bola, equipo que como o Muíños está encadrado no grupo 2 de Ourense en Segunda galega. A semana rematará para os de Toncho cun encontro o domingo ás 17:00 horas. O rival dese día está por determinar. O club está falando co Lobios e co Allariz B, tamén do grupo 2 (o Antela B xogará no grupo 3).

Adestramento do primeiro equipo no sintético Fernández Carrera, onde volve xogar esta noite un partido de pretempada.

PRIMEIRO EQUIPO
Pola súa parte, o primeiro equipo segue coa súa programación de tempada con dous partidos esta semana. Hoxe, no Fernández Carrera, recibirá ao Pabellón xuvenil (21:00 horas). O domingo disputará coa Unión Deportiva Ourense (Terceira División) o Torneo Lagoa de Antela. A Unión Deportiva chegará á Moreira despois de xogar co Compostela (hoxe), vencer ao Porriño Industrial (1-5), rival do Antela na Preferente; empatar en Calabagueiros co Barco (1-1) e gañar o triangular Feira do Viño de Monterrei diante do Verín e do Bragança.


VETERANOS
Despois dos dous encontros amistosos de veteranos entre o Antela e o Verín, o ex presidente, adestrador e xogador Toño Nóvoa está promovendo un xantar de homenaxe polo 50 aniversario da creación do equipo de veteranos do Antela. As inscricións rematan este venres. O prezo é de 30 euros e inclúe a reserva dunha camiseta conmemorativa. Os teléfonos para se anotar figuran no cartel (abaixo).

Cartel do xantar de homenaxe ao Antela de veteranos.