FÚTBOL A LIMIA | Empeza a costa arriba
Liga de Preferente
Dúas malas defensas en xogadas a balón parado e unha lesión ao comezo da segunda parte, cando Sabucedo renovara a banda dereita, sometida polo rival durante toda a primeira metade, acabaron coas opcións do Antela de presentar oposición ao Pontevedra B, que se encontrou cun gol no primeiro minuto e xogou a pracer o resto do partido.
O Antela acabou a tarde subido ás costas de Fabio, destacado entre todos os reforzos, e sostido ademais polo porteiro, un central xogando de ‘nove’ e o empuxe de Lamas, Joni e Pedro. O que a tempada pasada bastaba para remontar calquera adversidade, esta tarde, contra o Pontevedra B, non alcanzou.
É certo que as cousas comezaron a se torcer moi cedo (gol de Muíños no minuto 1), un extremo (Otero) bastouse para desfacer a banda dereita, a liña do centro campo viuse superada continuamente e o Antela, perseguindo o balón e rivais máis rápidos e mellor asentados. O Antela sufriu un mundo para se repoñer daquel gol.
Encontrou a Joni, apareceu Fabio, Lamas despregou forza e pouco a pouco o Antela puido compensar a intensidade do rival. Mesmo conseguiu ameazar a meta de Vizoso. Sabucedo levou a Noel ao pivote. Quintairos e Juáncar detiveron a ofensiva do rival, e Suso sacou brazos e pernas cando foi necesario. Durante uns minutos os locais tiveron o mando do partido.
Pero nun córner apañaron o segundo gol, o outro central (Arnosi) rematou só ao borde da área pequena. O Antela non baixou os brazos, pero a costa facíase cada vez máis costa arriba. Romero, frustrado, cazou a Otero e viu unha amarela a pouco do descanso. Sabucedo non o pensou máis e no vestiario ordenou a entrada de Peque e Anxo. Mudou a banda dereita. Peque e Anxo aínda buscan sitio neste Antela. Saíron e pelexaron. Parecía que moverían o cesto. Pero Anxo lesionouse aos cinco minutos de aparecer no partido.
O Pontevedra B xa non se inmutou. Dedicouse a mover o balón, golpear de cando en cando sobre a área de Suso e esperar a que pasasen os minutos sen conceder ocasións. Non as tivo o Antela. Con Borja anulado polos centrais e sen que o centro do campo conseguise fiar tres pases seguidos, o Antela terminou por sentirse impotente.
Entraron Pedro, Adrián (como lateral zurdo) e Xosé no partido, con gañas e forza, pero iso non obrigou ao Pontevedra B a nada máis que protexerse un pouco mellor. O Antela sentiuse impotente e nin con Quintairos colocado á par de Borja foi quen de volver ameazar a meta de Vizoso.
A estrea rematou en decepción, e non tanto polo resultado nin sequera polo xogo ou pola sensación de inferioridade diante do Pontevedra B, senón polas lesións (ademais de Anxo, Noel tamén se retirou con molestias), polas tarxetas (víronas o porteiro e tres dos defensas), pola incomodidade coa arbitraxe, polas expectativas aínda por cumprir nalgunhas pezas importantes...
Só foi un partido, o primeiro, a costa é costa arriba. Empeza agora, e a partir de agora será o momento de ir medindo este novo Antela aínda por facer. A semana que vén toca o Ribadumia, un dos (moitos) candidatos ao ascenso que tamén empezou a Liga con derrota (2-0 na Illa diante do Céltiga).
No derbi ourensán o Atlético Arnoia gañou en Verín (0-1) cun tanto de Veiga no minuto 59 de partido. O Barbadás caeu no Lourambal diante do Porriño Industrial (2-0).
FICHA TÉCNICA
Antela: Suso, Romero (Peque, 46’), Juáncar, Quintairos, Tazos (Adrián, 57’), Xabi Lamas, Fabio, Noel (Xosé, 68’), Carlos (Anxo, 46’; Pedro, 50’), Borja e Joni.
Pontevedra B: Vizoso, Pacheco, Abal (Jar, 60’), Arnosi, Muíños, Garrido, Otero, Diz (Veiga, 75’), Casais (Fraga, 88’), Rancaño (Acuña, 84’) e Cigales (Rivas, 62’).
Goles: 0-1, m.1: Muíños; e 0-2, m. 35: Arnosi.
Árbitro: Sebastián Castro. Auxiliares: Javier Gay e Óscar Couto. Mostraron tarxetas amarelas a Romero (42’), Juáncar (85’), Suso (90’) e Quintairos (90’), polos locais; e a Rivas (90’) e Vizoso (90’), polos visitantes.
Incidencias: Uns 400 espectadores na Moreira. O club informou que a día de hoxe conta con 432 socias e socios.