FÚTBOL A LIMIA | Miguel Peral debuta na Copa
Despois dun final de verán cheo de nubeiros, o sol luce na Moreira nestes primeiros días do outono. O Antela estréase hoxe na Copa contra o Pabellón (17:00 horas, nos Remedios en Ourense) e debuta por fin Miguel Peral, que xa ten o pase internacional despois da súa experiencia o ano pasado nunha competición amadora en Polonia, mentres facía un curso de Erasmus naquel país.
Miguel Peral leva máis de dous meses no Antela e apenas puido disputar os amigábeis de pretempada, partidos nos que deixou moi boa impresión xogando como media punta. O futbolista demostrou compromiso, paciencia e sacrificio en todos os adestramentos durante estas cinco semanas de competición. Será, si se confirman as expectativas, unha peza clave na ofensiva do equipo de Óscar Sabucedo. Parece un futbolista dinámico, con bo pé e gol.
Á novidade de Peral non se pode sumar hoxe a da última fichaxe do club, Juan Guede. Tamén neste caso por problemas administrativos que, de calquera maneira, terán arranxo máis rápido que os de Peral. Guede, que empezou a tempada no Allariz en Primeira galega, está listo para xogar en canto o adestrador decida botar man del, din desde a directiva do Antela, que acelerou a incorporación dun futbolista que levaban meses seguindo despois de que Sergi pedise a baixa.
Sabucedo convocou Suso e Dalama (porteiros); Breixo, Quintairos, Teixeira, Peque e Romero (defensas); Xabi Lamas, Adrián, Peral, Noel e Pedro (centrocampistas); David Lamas, Borja, Carlos e Joni (dianteiros).
O DOMINGO, OUTRA VEZ DE MAÑÁ
O Antela informou á Federación Galega do cambio no horario do partido deste domingo, 16 de outubro, na Moreira correspondente á sexta xornada de Liga. O rival será o Beluso e o encontro celebrarase ás 12:00 horas. O motivo: evitar a coincidencia co partido de Primeira División que enfrontará ao Real Madrid co Barcelona ás 16:15 horas. O Antela xa cambiou o último partido na casa, o pasado 25 de setembro, pola celebración da Romaría da Saínza ese día. Tamén xogou de mañá a pasada xornada diante do Umia. Eses dous partidos, contra o Cultural Areas na Moreira e contra o Umia como visitante, acabaron con vitoria do Antela.
O RESTO DA COPA
Sen o Antela Xinzo en competición: o filiais están excluídos. O resto de partidos da Copa polo que respecta aos equipos limiaos de Segunda galega xogarase tamén hoxe e co mesmo horario das cinco da tarde. O Piñeira Seca recibe ao Sporting Carballiño (Primeira galega); o Vilar de Barrio, ao A Bola; e o Sarreaus, ao Pontedeva. O Barbadás, actual campión, debuta no Medo contra o Atlético Vilariño. O Barbadás foi o equipo que eliminou ao Antela na anterior edición, nun choque en xuño pasado que se decidiu na quenda de penaltis.