FÚTBOL A LIMIA | Pedro e Borja, principio e fin dun Antela en crecemento
O Antela gañou ao Cartelle (2-1) e xogará a fase de ascenso a Preferente. Os goles de Borja e Quintairos deron os 3 puntos aos de Óscar Sabucedo e o empate entre Monterrei e Santa Teresita completou a ecuación. Agora, na última xornada en Celanova, os limiaos pelexarán por acabar na terceira posición e chegar con dous puntos á seguinte fase.
O Antela son Pedro e Borja, un media punta con liberdade para cubrir unha ampla fronte de ataque e un nove que estira o equipo e se asocia con todos. Pedro e Borja son o principio e o fin da ofensiva do Antela. O centrocampista descoseu ao Cartelle furando entre liñas e caendo á banda esquerda. O dianteiro atou á defensa visitante, foi o máis listo na área no primeiro gol e serviu o centro do segundo.
Entre un tanto e o outro, houbo varios partidos, mais o Antela deu sempre a impresión de estar un corpo por riba do seu rival.
O Cartelle entrou mellor no partido. Gañou o medio campo e meteu ao Antela atrás. Foron dez minutos de acoso visitante. Sen máis. Despois, a columna central do Antela, con Juan Forri limpando, Pancho poñendo a pausa e Pedro e Borja percutindo, foi aplacando ao rival.
O plan de Óscar Sabucedo parece sinxelo. Unha liña de catro defensas atada atrás, e dous extremos abrindo o campo para deixar espazo ao talento e á forza. Na media hora final da primeira parte, o Antela marcou un gol -unha falta mal defendida pola zaga visitante que acabou co balón no traveseiro e Borja empuxando tras o rebote- e debeu deixar resolto o partido.
Os de Óscar Sabucedo non acertaron nun par de ocasións claras na área. E, superado o minuto 42, Lucas, un extremo que fixo o mellor do Cartelle en ataque, regateou un par de defensas na área, encarou, tirou un sombreiro ao meta local e empatou o partido. O que parecía unha tarde plácida, torceuse inesperadamente.
O plan de Óscar Sabucedo parece sinxelo. Unha liña de catro defensas atada atrás, e dous extremos abrindo o campo para deixar espazo ao talento e á forza.
O Antela saíu ansioso tras o descanso. Nervioso e con présa. Iso estivo a piques de custar o segundo gol visitante tras un agasallo de Quintairos. Pedro deixou o resto do depósito en 15 minutos moi intensos. Os locais dispararon desde todas as posicións. Sen acerto. Á hora de partido, Pancho estaba seco. O equipo de Sabucedo partiu polo medio e o encontro converteuse nun ida e volta.
Pedro, exhausto, xa non volveu. O Antela quería, mais as pernas xa non daban. Sabucedo retirou a Pancho e Juan Forri, atrasou liñas e reforzou a defensa. Por un momento pareceu que o Cartelle podía máis. Un xuvenil, Borja Carballo, devolveu os folgos ao mediocampo local nunha demostración de carácter (e criterio) nuns minutos complicados.
Mentres haxa opcións, mentres Pedro e Borja resistan, Sabucedo exixirá disputar cada choque como se fose o último.
Despois apareceu a clase de Borja, o nove, a balón parado. Topou a Quintairos tras un rexeite e o defensa local tocou o balón cara o segundo pau. O gol foi cousa simple. Faltaba un cuarto de hora e o Antela tivo dúas ocasións nidias, na cabeza de Pedro e nos pés de Jonny, para pechar o partido.
Volveu sufrir. Mais gañou, clasificouse e vai cumprindo obxectivos. O equipo crece cada xornada. En Celanova, diante do líder, volverá pasar outro exame. A continuación virán oito partidos sen tregua. Mentres haxa opcións, mentres Pedro e Borja resistan, Sabucedo exixirá disputar cada choque como se fose o último. E quedan nove.