O hat-trick de Pedro Castro relanza ao Antela no debut de Pancho, que participou nun dos goles

FÚTBOL A LIMIA | Pedro, trigoleador sen xogar de dianteiro e sen rematar coa dereita

Pedro Castro, xogador do Antela. | FOTO: Antela F. C.

"O 1-0 foi nun saque de esquina para o que tiñamos unha xogada ensaiada e non saíu... Pancho, desde a esquina, indicou a xogada, pero un compañeiro confundiu o movemento. O caso foi que eu aparecín no segundo pau e só tiven que empuxar coa cabeza. Pancho é un mestre a balón parado", con Pedro Castro, 28 anos, mediocampista do Antela, trigoleador o domingo diante do Santa Teresita na Moreira. Unha final. E as que veñan.

"O 2-1 veu dun pase de Borxa. Pelexou cos centrais e eu cheguei en carreira. Cheguei antes que o central ao balón, dei un toque e xa estaba na área. O balón quedoume para a zurda (Pedro é destro) e golpeei recto. O porteiro venceuse para o outro lado".

"O 3-1 partiu dun centro de Borxa desde unha esquina. Non sei quen non chegou ao remate. Houbo un rexeite e quedoume o balón diante. Cheguei desde atrás e disparei tamén coa zurda. Desta o porteiro tapou ben, pero pasoulle entre as pernas. Parecía que non entraba, que un defensa ía despexar, pero xa entrara".

O Antela gañou 3-2 ao Santa Teresita, rival directo na loita polas prazas de promoción á fase de ascenso a Preferente. Debutou Pancho, a última fichaxe, e o Antela gañou cun hat-trick de Pedro, dianteiro reconvertido a medio centro ("media punta na segunda metade o domingo", precisa) que levaba dous goles esta tempada.

Óscar Sabucedo está removendo o Antela. O equipo xoga agora cun punta (Borxa) e xente que se descolga desde atrás, como Pedro. "Somos máis intensos", di o goleador ante o Santa Teresita, "penso que ese é o cambio fundamental. Óscar métenos moita caña nos adestramentos. E nos partidos sempre está enriba. A min o domingo deume toda a confianza do mundo. E, mira, respondín..."

Somos máis intensos. Óscar métenos moita caña nos adestramentos. E nos partidos sempre está enriba. "

Pedro ten parte de Atás (Cualedro) e San Pedro de Laroá (Xinzo). Xogou no Monterrei. Alí fixo un hat-trick ao Celanova o ano do ascenso do Monterrei a Preferente. Leva tres anos na Moreira. E botaba de menos os goles. "Si, era o principal problema do equipo. Agora con Óscar levamos 7 en catro partidos. Nos adestramentos preparamos especificamente a definición. Temos que seguir mellorando. Ha facer falta"

O Antela mira cara a fase de ascenso. Esta próxima fin de semana toca Allariz, contra o Club Deportivo, "aínda podemos alcanzalos". Despois, o domingo de Entroido, o partido aprazado diante do Covadonga. E nas dúas últimas xornadas, o Cartelle na Moreira e visita a Celanova. "Se non chegamos cos deberes feitos á casa do líder, pois teremos que gañar alí. Somos capaces", di Pedro, de novo goleador.

O PIÑEIRA SECA NON CEDE

E mentres o Antela alcanza praza (provisional) na promoción de Primeira a Preferente, o Piñeira Seca non cede e segue cuarto na Segunda categoría provincial. Gañou o derbi limiao diante das Escolas Deportivas (3-1) e mantense preto do Viana (terceiro, e en praza de promoción). Son dous puntos e un partido de desvantaxe. Restan once xornadas, un mundo... para as Escolas, unha esperanza. Mais as Escolas levan tres derrotas consecutivas e están a 14 puntos desa praza de promoción. A próxima xornada, o Piñeira Seca visita ao Vilardevós, e as Escolas reciben ao Bubal.