ENTREVISTA A ÓSCAR SABUCEDO, NOVO ADESTRADOR DO ANTELA F.C.

FÚTBOL A LIMIA | “Temos que gañar partidos para non ter que facer números”

Óscar Sabucedo, novo adestrador do Antela, a tarde da súa presentación en Xinzo.

Óscar Sabucedo ten 47 anos e certa experiencia en dirixir equipos do fútbol provincial. O martes foi presentado na Moreira xunto ao seu segundo, Joni Lameiras. O Antela vai penúltimo na Liga, pero as prazas de promoción de ascenso a Preferente están a só uns puntos. Queda toda a segunda volta por diante. Hai ánimo de remontada.

Como leva a presión de sentarse no banco dun club histórico como o Antela?
Presión ningunha. Para min é un pracer e un orgullo poder dirixir a un equipo tan histórico como é o Antela. 

Como está condicionando a covid-19 e que pode facer un adestrador en circunstancias como estas?
Nestes primeiros días fai que non poidamos contar con varios futbolistas. Os adestramentos non son o mesmo e non nos permiten coñecer ben a todos. Rompe a programación e dificulta o deseño dalgunhas tarefas. 

Óscar Sabucedo xogou no Carlasca, Atlético Ourense, Bentraces, Sporting Celanova, Vilariño, Arrabaldo, Arenteiro, Velle e Club Lemos. Tamén, na División de Honor co Ourense Fútbol Sala. 

Que importancia lle dá ao partido do seu debut dentro de dez días contra o Raio Alaricano se todo vai ben?
A mesma que o resto de partidos. Pero sempre é importante debutar cunha vitoria, certo; para que o equipo colla confianza. 

Fala vostede de dous equipos (Celanova e Covadonga) que están á marxe da loita que manterán o resto por alcanzar a promoción. Con cantos puntos cre que se conseguiría praza de promoción? 
Nunca me gustou facer números habendo tantas xornadas por diante. Temos que gañar partidos para non ter que facer números. Dixen que o Celanova e o Covadonga eran os que estaban destacados por arriba e por abaixo, pero iso non quere dicir que o Celanova teña a praza asegurada nin que o Covadonga vaia descender. 

Joni Lameiras e Óscar Sabucedo este martes na Moreira.

Na súa presentación apelou ao orgullo e ao esforzo dos xogadores para levantar o equipo. Que foi o primeiro que lles dixo aos xogadores? 
Eso mesmo, que temos que arrimar todos o ombreiro para levar o Antela ao posto que se merece. Nós somos os primeiros que imos pór todo o esforzo e desempeño para facelo posíbel.

Como adestrador, tivo ao seu cargo equipos das categorías inferiores do C. D. Ourense e do Velle; e foi técnico do Vilariño B e do Vilariño A, da S. C. D. Paderne e do Velle. 

O Antela aínda depende de si mesmo para alcanzar a promoción. Díganos algún precedente de remontada que lembre e que lle inspire para intentar o mesmo en Xinzo?
Lembro unha propia, en Preferente. Rematamos a primeira volta no posto 16º e cos mesmos xogadores conseguimos acabar a Liga na 3ª posición e xogamos a promoción de ascenso á Terceira División. 

Foi presentado pola directiva como "o noso adestrador para o resto de tempada", vén para un proxecto curto ou xa fichou con posibilidades dun proxecto a longo prazo?
De momento vin para esta tempada. Cando remate, xa veremos que pasa, se ás dúas partes nos interesa seguir unidos ou non. No fútbol un día es moi bo e, a semana seguinte, xa non es tan bo. Gustaríame participar no proxecto que ten esta directiva e eso significará que tanto o Antela coma eu estamos satisfeitos co traballo feito.