A terceira edición da ruta solidaria en favor da Cruz Vermella arranca ás 10:00 horas da Carlos Casares

NOTICIAS A LIMIA | Oito quilómetros de percorrido chan na andaina deste domingo en Xinzo

Camiñada polo Larouco a finais de xaneiro. A principios de xullo está programada unha nova ruta.

A terceira Andaina Solidaria A Limia comeza na praza Carlos Casares de Xinzo de Limia ás 10:00 horas da mañá deste domingo 12 de xuño para percorrer oito quilómetros nunha ruta circular dunhas dúas horas de duración.


Trátase dunha ruta de escasa dificultade que transcorre por sendeiros a carón do Limia e do Faramontaos, ascendendo un lixeiro desnivel na zona de Baronzás. A inscrición consiste na compra dun boleto para o próximo Sorteo do Ouro da Cruz Vermella. A organización disporá unha zona de avituallamento e haberá un sorteo de regalos ao remate.


A deste domingo é a primeira dunha serie de tres andainas nas que colabora o Concello de Xinzo, segundo informou o goberno local nun comunicado onte venres. As outras dúas rutas celebraranse os días 24 de xuño e 3 de xullo.


Para o día 24 está prevista a primeira edición da Andaina Vila de Xinzo. A proba constará de dous percorridos, de 18 e 9 quilómetros, e ambos de nivel medio-baixo. “A iniciativa trata de fomentar as actividades deportivas e de mostrar os paraxes máis emblemáticos da zona”, di o Concello. A saída tamén está prevista dende a Praza Carlos Casares, ás 9.30 horas.  


Para o día 3 de xullo programouse a Ruta Gudín-O Larouco, en colaboración co Concello de Baltar e o Club Parapente Baltar. “Trátase dun percorrido que pretende dar a coñecer o impacto da liña de alta tensión proxectada no entorno”, informa o comunicado municipal.


Nestas dúas próximas actividades, o Concello de Xinzo colabora ademais co Clube de Montaña As Catro Torres, ao que lle acaba de ceder un local compartido no pavillón. O presidente do Clube As Catro Torres, Tito Portela, calcula que ao redor de 300 persoas participarán na Ruta Gudín-O Larouco, e que serán máis de 200 na Andaina Vila de Xinzo