jueves. 21.11.2024

O PSdeG-PSOE dos Blancos amosa a súa "fonda" preocupación ante a futura instalación dun polígono eólico na contorna de Pena Loba, xa que afectaría directamente ao medio ambiente. Os socialistas resaltan que no último pleno municipal puxeron de manifesto o seu descontento con este proxecto e presentaron unha moción en defensa da veciñanza que "non foi escoitada polo alcalde".

Dende o Grupo Municipal Socialista instaron ao goberno municipal a emitir unha declaración institucional coa seguinte petición: "A corporación municipal dos Blancos, tendo en conta o principio de precaución, acorda solicitar da Xunta de Galicia e do Goberno do Estado a aplicación inmediata dunha moratoria sobre os proxectos de instalación de centrais eólicas en trámite e outros que puideran solicitar a súa tramitación no futuro e que afectan ao territorio da comarca da Limia mentres o Plan Sectorial Eólico de Galiza non se somete a unha avaliación ambiental estratéxica tal e como esixe a lei". A resposta do alcalde, José Manuel Castro Blanco, segundo os socialistas, foi "obviar por completo e non atender a ningunha das peticións".

A voceira do PSdeG-PSOE nos Blancos, Emilia López, conta que "o alcalde ignorou por completo as nosas peticións, pero ante a asistencia de varios veciños e veciñas ao pleno viuse acurralado e tivo que optar por facer unha proposta, que non é nada clara e amosa a súa falla de interese por oporse a instalación deste polígono eólico, xa que tan só sinalou que se comprometía a apoiar á veciñanza, sempre e cando tivese a conformidade de todas as comunidades de montes implicadas: Covas, Fontearcada e Pixeiros".

López destaca que a comunidade de montes de Covas "xa se manifestou en contra, polo que faltaría que as de Fontearcada e Pixeiros presentasen na casa consistorial as actas de votacións das súas decisións". Neste senso, a voceira socialista anima a estas dúas comunidades de montes a que "o fagan coa maior brevidade posible, xa que o obxectivo é defender o noso municipio, polo que non podemos deixar que o tempo transcorra sen mobilizarnos para impedir esta construción". Apunta tamén que "de facerse, que sexa co consentimento expreso dos veciños e veciñas, cunha ubicación idónea e co menor impacto tanto para a contorna como para as persoas".

Na moción presentada polo PSOE dos Blancos tamén se instaba ao goberno municipal á realización dun estudo urxente sobre o proxecto eólico Lamas II, co fin de obter unha avaliación propia e informar e colaborar coa veciñanza para que poida realizar alegacións dentro do período de exposición pública, que conclúe o próximo 4 de xaneiro. "A posición en contra do alcalde a esta petición deixa en evidencia que non ten ningún tipo de interese por defender á veciñanza do municipio e que tan só busca que pase o tempo para que remate o prazo de alegacións e, deste xeito, non mover un só dedo, como é habitual", afirma Emilia López.

Dende o PSOE de Os Blancos apuntan a que "seguiremos a loitar a carón da veciñanza, reclamando aos nosos gobernantes a protección precisa diante deste tipo de ameazas e que se aplique o principio da prudencia ante estas infraestruturas". Os socialistas destacando que o territorio "é noso, o legado dos nosos antepasados está inscrito nel e tamén nos pertence, como nos pertence o patrimonio, a paisaxe e o goce dos recursos naturais en equilibrio co medio ambiente e coas outras especies que nel habitan".

NOTICIAS A LIMIA | O PSOE dos Blancos critica a "deixadez" do alcalde ante a...