NOTICIAS A LIMIA | Feira sen feirantes no cambio de data nos Blancos
O primeiro xoves de marzo é feira nos Blancos, e todos os primeiros xoves de cada mes. A feira pasou do martes ao xoves a partir dun bando da Alcaldía de finais do ano pasado. A razón: os feirantes e o polbeiro habituais así llo pediron ao alcalde porque a oficina móbil de Abanca, un camión cun condutor-garda de seguridade e unha operaria dentro, vén os xoves.
"Estaba negociando con Abanca ampliar a máis días da semana a presencia da unidade móbil cando, de súpeto, non só cambiaron o día, senón que reduciron o horario", explica José Manuel Castro (PP), o alcalde. Pasaron o día ao xoves e reduciron tempo de servizo. Agora, Abanca só está de 9 da mañá a 12:00 do mediodía. Despois, o camión e a traballadora, en coche propio, marchan cubrir o servizo a Baltar.
O cambio da data da feira fíxose oficial nun bando municipal con data do 28 de setembro de 2021. Mais ás portas da Casa do Concello segue chantado un sinal que informa de que, alí ao lado, na praza José Luis Baltar, a feira é o primeiro martes. Xusto enriba, esta o taboleiro de anuncios co bando de setembro.
A confusión é grande. Esta mañá de xoves, por riba, chove seguido. E día de feira, mais na praza dos Blancos non hai nin feirantes con roupa nin na estrada apareceu aínda o polbeiro. Son as once e só hai xente na farmacia. Acaba de saír o microbús municipal con catro persoas de regreso ás súas casas. A oficina móbil de Abanca, xunto a Casa do Concello, non ten clientes a esta hora.
Na farmacia din que a xente acostumouse a vir os xoves, cando vén a unidade móbil. Hoxe pasaron dúas mulleres preguntando polo “da roupa”, que se coloca moi preto da farmacia. “Temos que cambiar dous pantalóns, dixeron; pero o home non veu. Ás veces aparece, ás veces non”, contan na farmacia.
Tampouco veu o do polbo. “Non sei. Será o tempo”, descúlpanse no bar xunto a estrada. Hai máis xente no bar (tres persoas) que na praza. Na praza está a oficina móbil. Un xoves primeiro de mes adoitan realizar “unhas 120 operacións, pagos de pensións, recibos... para uns sesenta ou setenta clientes”, explica a traballadora.
O resto dos xoves do mes hai menos clientes. “E moitos xa se acostumaron a usar o caixeiro”. O caixeiro vén co camión, queda xusto antes da porta pequena da oficina-remolque. A operaria está protexida por un cristal, pola covid. “A verdade é que non caera que hoxe é feira. Non sabía do cambio, pero paréceme lóxico”, di.
No centro de saúde, ás 11:15, non hai ninguén na sala de espera. A enfermeira conta 14 pacientes atendidas no que vai de mañá. “Non varía moito sexa feira ou veña a oficina móbil, aquí andamos sempre sobre as vinte ou vinte e cinco persoas ao día”. No centro de saúde está ela soa. O médico está en Calvos. O médico atende Baltar, Calvos e Os Blancos. Tres concellos.
A praza recupera certa animación. Un camión aparca para descargar radiadores na Casa do Concello. Aparece a furgoneta do peixe. Toca o claxon. Aparca onde tiña que estar o polbeiro. “Sempre veño os xoves, é o que me mandan”, di o condutor-vendedor. “Hoxe non ten pinta de que vaia ser moi bo día”. Cinco minutos despois, dúas clientas ben protexidas contra a chuvia. “Si, hoxe a feira non vale moito. Non hai nada. Será o tempo”, di unha delas. Media hora despois, o do peixe xa marchou.
Ás 11:45, ante a falta de máis clientes, a unidade móbil de Abanca dá por rematado o servizo do xoves nos Blancos. Sexa feira ou non (como hoxe, que non hai), a oficina levanta contra as doce para ir até Baltar e completar alí a xornada. Dous concellos nun día, media xornada para cada un. “En Baltar aínda vén menos xente que nos Blancos”, di a empregada.
No Centro de Saúde a sala de espera conta agora sete persoas. O médico está pasando consulta. É un veterano. Leva tres décadas e coñece a todo o mundo. Termina cun paciente e sae á porta. Pasa lista. Faltan máis da metade dos anotados con cita. Entre os que están na sala, tampouco están todos citados. “Xa sabedes como vai, ide pasando segundo chegastes”.
A furgoneta do pescado e o camión de Abanca xa marcharon. Tamén os dos radiadores. Nin os feirantes nin o do polbo apareceron hoxe. Non para de chover. Un home que volve do médico di que non sabe se é feira ou se non, “pero fai moi mal tempo para facer feira”. Xa non somos o que eramos. Tampouco nos Blancos, parece.