Entre 2014 e 2020 víronse beneficiados más de 1.500 proxectos

Os GDR galegos mobilizarán case 60 millóns de euros en axudas até 2027

20250121ConseMRVanguardSanCibraoII

A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, realizou esta mañá unha visita ás instalacións de Maletas Vanguard, no concello ourensán de San Cibrao das Viñas, que vén de adquirir nova maquinaria no marco dunha achega do Programa Leader no que contan co apoio do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Adercou.

No seu percorrido pola fábrica, no que estivo acompañada pola directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Paz Rodríguez, puido coñecer de primeira man a nova liña de produto que se manufacturará grazas á iniciativa impulsada por este GDR.

Tal e como sinalou a conselleira, Maletas Vanguard, dedicada á fabricación de marroquinería, conta agora con nova maquinaria que poder adaptar aos novos produtos que se están deseñando e que contribúe ademais "a gañar en eficacia e eficiencia". Así mesmo, enxalzou a importancia dos proxectos promovidos polos GDR pola súa contribución ao tecido socioeconómico da nosa comunidade.


Neste sentido, María José Gómez puxo en valor a medida Leader, que busca impulsar o desenvolvemento rural a través dunha estratexia participativa e que ten unha repercusión "moi positiva" sobre o territorio. O programa contribúe a mellorar as condicións para crear e manter emprego no medio rural e tamén dinamiza o tecido socioeconómico das zonas rurais de Galicia, impulsando a súa economía con proxectos que xeran postos de traballo e asentan poboación, como é o caso de Maletas Vanguard.

Visita da Conselleira de Medio Rural a San Cibrao das Viñas.

 

A medida Leader

A conselleira salientou que este programa está baseado nun enfoque de abaixo cara arriba, garantindo a participación activa dos principais axentes locais nestas políticas. Gómez lembrou que durante o período no que a medida Leader estivo incluído no Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020, permitiu aprobar case 1.500 proxectos, consolidar máis de 3.200 empregos e crear 933 novos.

Deste xeito, mobilizáronse algo máis de 169 millóns de euros, cunha axuda pública de 77,5 millóns. Por último, a conselleira trasladou que, co fin de seguir apoiando o impulso e a dinamización das contornas rurais da nosa comunidade, a mediados do ano pasado asinouse un convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Desenvolvemento Rural e os GDR para a aplicación de Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo.

Así, a medida Leader, que actualmente se atopa no marco do Plan Estratéxico da PAC (Pepac),
está dotada con 56,9 millóns de euros ata 2027.