Interior Galego Vivo buscará acordos electorais para contribuír ó cambio político en Galiza dende o rural
Interior Galego Vivo celebraba a súa VI Asemblea no Casino de Chantada o pasado 18 de novembro. Un encontro no que, por unanimidade, se refrendaba a proposta de artellar un acordo amplo coas forzas progresistas sobre un programa común de defensa do rural e dos servizos públicos en Galicia cara ás vindeiras eleccións autonómicas e europeas.
Un dos obxectivos principais diste acordo é "garantir que ningún voto se perda en Lugo ou Ourense para acadar o necesario cambio político en Galicia", manifestan dende a plataforma. Baixo ista premisa, Interior Galego Vivo vén de dirixirse a BNG, PSdeG-PSOE e Sumar Galicia para propor un encontro que analice o escenario das eleccións galegas e que poña na mesa propostas programáticas urxentes para o rural galego.
Esixe audacia e diálogo permanente con outras opcións, que permita artellar acordos amplos para avanzar en dereitos e mellorar a calidade de vida das nosas poboacións
Representantes de todas as asembleas locais de IGV, colectivos e persoas de candidaturas municipalistas participaron nunha asemblea que confirmaba a necesidade de contribuír ó cambio político en Galicia "para rematar cun Goberno do PP na Xunta que pon os intereses de grandes fortunas e grandes empresas por riba da cidadanía e que condena ao interior galego á inanición ao tempo que destrúe a sanidade e os servizos públicos".
Eleccións galegas e europeas no 2024
O vindeiro ano celebraranse eleccións en Galicia e na Unión Europea, dúas citas decisivas para o territorio. No contexto galego, dende IGV afirman que: "Só desde a unidade de acción e formulando unha fronte cívica con tradución no plano eleitoral nas provincias de Lugo e Ourense se pode rachar coa hexemonía e a rede clientelar do PP".
Respecto ás eleccións europeas planea a sombra da aplicación da Política Agraria Común en Galicia. "É urxente actuar no nivel da UE", centro real de decisións políticas e económicas, para facer fronte a unha xestión que está "ao servizo das grandes finanzas centroeuropeas, que compromete o despregue de calquera alternativa, que aumenta a desigualdade e que se afasta dun horizonte real de converxencia continuando cunha PAC que nos maltrata", subliñan dende IGV.
A necesidade de buscar acordos entre distintas formacións políticas vén dada polo axustado dos resultados electorais, que penalizan a fragmentación. Moito máis para as comarcas galegas do interior, motivo polo que dende Interior Galego Vivo traballan para crear redes de colaboración: "Esixe audacia e diálogo permanente con outras opcións, que permita artellar acordos amplos para avanzar en dereitos e mellorar a calidade de vida das nosas poboacións".
"Non é tempo de enrocamentos identitarios, senón de solucións valentes: cada forza política que quere o cambio galego ten que facer o máximo esforzo por ampliar o seu electorado, derrubando o muro da alta abstención e aglutinando o máximo posíbel o seu espazo", subliñan dende a formación.