A portavoz de Sumar no Congreso dos Deputados, Marta Lois, acaba de ser ratificada como candidata de Sumar Galicia á presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións autonómicas que se celebrarán en febreiro. Lois foi presentada oficialmente nun acto no que estivo arroupada pola súa amiga e líder de Sumar, Yolanda Díaz; asume o reto “con humildade, responsabilidade e ilusión”.
Votar a Sumar Galicia vale dobre. Garante o cambio na Xunta, pero tamén un goberno progresista que garanta a mellor relación co goberno do Estado
Na súa intervención, Lois fixo referencia ás políticas útiles como marca da casa Sumar e avanzou que xa é hora de que esas políticas cheguen ao goberno galego. A deputada de Sumar Galicia pola provincia da Coruña, e agora candidata, afirmaba: “Acabouse o dedicar máis tempo a criticar ao goberno progresista que a facer políticas útiles para as galegas e os galegos”.
Imos impulsar o bloque progresista ata sacar as políticas do PP da Xunta, para democratizar Galicia e para garantir os dereitos da nosa xente
“Fixémolo en xullo, farémolo de novo agora no noso país”, salientou Lois, quen interpelou directamente ás galegas e galegos que votaron Sumar Galicia o 23 de xullo, sinalando que: “Votar a Sumar Galicia vale dobre. Garante o cambio na Xunta, pero tamén un goberno progresista serio, con experiencia de goberno en todos os niveis da administración e que garanta a mellor relación co goberno do Estado”.
Acordo con Podemos e Esquerda Unida
O portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, anunciou na súa intervención un preacordo con Podemos e Esquerda Unida para concorrer xuntas ás eleccións galegas baixo o denominación Sumar Galicia e con Lois como candidata á presidencia.
A portavoz e candidata á Xunta anunciou tamén que o vindeiro 12 de xaneiro terá lugar un gran acto de Sumar Galicia na cidade de Vigo. Lois afirmou que durante as próximas semanas o seu obxectivo será percorrer o país para “atoparnos con ese pobo galego que impulsa o cambio”. “Imos impulsar o bloque progresista ata sacar as políticas do PP da Xunta, para democratizar Galicia e para garantir os dereitos da nosa xente”, engadiu.
Quen é Marta Lois?
Marta Lois González (Vigo, 1969) é politóloga, Doutora en Ciencia Política e da Administración e profesora na USC. Membro da comisión promotora de Sumar Galicia, foi concelleira de Igualdade, Desenvolvemento e Turismo no Concello de Santiago entre 2015 e 2019 no goberno de Compostela Aberta. Deputada de Sumar Galicia pola Coruña, Lois preside Sumar desde a súa fundación e ocupa a portavocía do Grupo Plurinacional Sumar no Congreso dos Deputados.
Foi visiting fellow nas Universidades de Essex, Georgetown e Chicago. Participou como investigadora principal proxectos de investigación financiados polo Plan Nacional de I+D e o Instituto da Muller e na actualidade centra as súas liñas de investigación en estudos de xénero, teoría política contemporánea, identidades e políticas públicas de igualdade. Conta con varias publicacións sobre estes temas. Impartiu docencia en diferentes materias como administración pública, teoría política, política comparada e partidos políticos.