O PSdeG provincial reclama unha decidida estratexia fronte o gas radón
O Grupo Provincial Socialista presenta unha iniciativa para a adopción dunha estratexia "ampla e efectiva" fronte aos riscos asociados ao gas radon en Ourense. "É un problema que por desgraza abunda moito na provincia e sobre o cal, malia algún programa iniciado pola Xunta de Galicia, non hai información nin concienciación, se ben ten consecuencias directas sobre a saúde das persoas, polo cal estimamos que non podemos agardar máis e a corporación provincial debe buscar solucións", estima o deputado socialista Aurentino Alonso.
Galicia é a rexión do Estado con meirandes concentracións de radon e Ourense a provincia galega cuns índices máis elevados polas súas características xeolóxicas. Segundo Alonso, "os estudos confirman que na nosa provincia a presenza de chans graníticos e a concorrencia dun parque residencial antigo incrementa a concentración do radon no interior de vivendas e baixos".
Un estudo do Laboratorio Radon da Universidade de Compostela conclúe que un 23% das vivendas ourensás superan os limites establecidos pola directiva europea, afectando a unha de cada catro vivendas.
"Dos 92 concellos que hai na provincia de Ourense máis de 60 presentan elevadas cantidades de gas radon", subliña o deputado socialista. "A inhalación prolongada do gas radon asociase con problemas de saúde importantes, nomeadamente un risco máis elevado de padecer cancro de pulmón, sendo a segunda causa principal deste andazo despois do tabaco", explica Alonso. O radon participa do 10 ao 25% dos cancros de pulmón, coma detonante principal entre non fumadores e coma desencadéante entre fumadores e ex-fumadores.
Concienciación e colaboración cos concellos
Para presentar a Moción, o Grupo Provincial Socialista desprazáronse ao Carballiño, onde o Conservatorio Municipal mantense pechado pola detección de gas radon nas súas instalacións. "Actualmente estamos a licitar unha obra por valor de arredor de 150.000 euros para diminuír a presenza de gas radon nas dependencias do Conservatorio, co prexuízo que implica para as arcas do Concello, pero tamén para os usuarios, que debemos aloxar noutro edificio mentres se fan os traballos", explica Diego Fernández, deputado provincial socialista e concelleiro de Cultura e Benestar Social na vila do Orcellón.
"O que pasa no Carballiño ocórrelle tamén a outros concellos e administracións por mor das peculiaridades xeolóxicas da provincia, de aí que a Deputación de Ourense teña que implicarse de xeito directo", declara Fernández.
Segundo o socialista, "a Deputación ten que abrir o debate entre a cidadanía, informar, concienciar e formar, amais de axudar na medida das súas posibilidades para levar a cabo as actuacións que tan necesarias son para atallar esta problemática o antes posible con vistas a salvagardar á saúde de veciñas e veciños".