Estes equipos identifican aos pacientes que, pola súa situación clínica, teñen dificultades para asistir aos centros de saúde

O Sergas reforza a atención sanitaria no rural con 35 equipos especializados de enfermaría

Natalia Lobato Mosquera, na Xornada Transformando o Presente.

O Plan galego de atención domiciliaria está a reforzar a atención sanitaria nas zonas rurais con equipos
especializados de enfermaría que están a prestar unha asistencia máis próxima e personalizada.
Así o destacou a secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade, Natalia Lobato Mosquera, na Xornada Transformando o Presente, coidando o futuro, na que se aborda a atención domiciliaria en atención primaria.

A xornada, que se celebra na Cidade da Cultura, contou así mesmo, no acto inaugural, coa presenza da directora xeral de Planificación e Reforma Sanitaria, Sofía López Linares. Na súa intervención, a secretaria xeral técnica remarcou que a atención domiciliaria é hoxe un piar fundamental da Xunta no reforzo do sistema sanitario galego xa que permite garantir que todas as persoas, independentemente de onde vivan, teñan acceso a unha atención sanitaria de calidade, segura e adaptada ás súas necesidades.

Tal e como sinalou Natalia Lobato, os equipos de soporte de atención domiciliaria (ESAD) da Consellería de Sanidade, que xa están en marcha, representan un cambio importante na maneira en que a Xunta presta a atención sanitaria.

Lembrou que a aposta do Goberno galego polo reforzo da atención domiciliaria en primaria, que supón un investimento de máis de 3 M€, se traduce nestes 35 equipos de enfermaría que se están a desprazar polas áreas rurais e semirrurais da comunidade. Estes equipos de atención domiciliaria identifican aos pacientes que, pola súa situación clínica, teñen dificultades para asistir aos centros de saúde e ofrécenlles unha atención personalizada no seu propio domicilio cando o necesitan, pero tamén antes, actuando de xeito preventivo de forma proactiva.

Natalia Lobato Mosquera, secretaria xeral técnica da Consellería de Sanidade.

 

Actividade da asistencia domiciliaria no 2024

 

A secretaria xeral técnica explicou que a base deste modelo de atención máis próxima está cimentada no compromiso dos médicos de familia, do persoal de enfermaría, dos traballadores sociais, as matronas, os farmacéuticos, os fisioterapeutas e os nutricionistas. En concreto, no que vai de ano, os profesionais do Servizo Galego de Saúde fixeron máis de 416.000 atencións a domicilio. Delas, máis de 328.000 foron de enfermaría e máis de 17.500 dos equipos de enfermaría que atenden o rural (ESAD). A estas hai que engadir as máis de 59.000 realizadas polos médicos de familia, as máis de 10.000 dos traballadores sociais, así como as do resto de categorías profesionais do primeiro nivel asistencial.

Natalia Lobato puxo en valor a importante rede asistencial coa que conta a sanidade pública galega, a máis ampla do Estado, constituída por máis de 450 centros de saúde. Tamén destacou Natalia Lobato a importancia neste tipo de prestación sanitaria do uso das novas tecnoloxías como a plataforma TELEA de seguimento de pacientes crónicos, ou a historia clínica electrónica móbil, coa que o Servizo Galego de saúde asegura unha atención de calidade e máis áxil, ademais de evitar ao paciente desprazamentos innecesarios. Xunto ao anterior, a nova historia clínica electrónica reforza a continuidade asistencial, facilitando o traballo dos profesionais.

Natalia Lobato rematou a súa intervención destacando que o obxectivo da Consellería de Sanidade é levar a atención sanitaria onde máis se necesita, garantindo a equidade e calidade para toda a cidadanía galega.