Sumar Galicia inicia camiño cara ás autonómicas escoitando á cidadanía ourensá
Logo de moitas voltas, Sumar arranca en Galicia. Somentes hai nove días que nacía oficialmente, logo de que a deputada da formación pola provincia de Pontevedra no Congreso, Verónica Martínez, rexistrara Movemento Sumar Galicia como partido político no Ministerio do Interior. Será "unha organización galega autónoma que estará federada" coa plataforma liderada por Yolanda Díaz a nivel estatal, explican dende a formación.
Un paso fundamental para iniciar camiño cara as vindeiras eleccións galegas e aproveitar "unha oportunidade histórica" de converterse en "alternativa de goberno". Para elo, insisten: "Queremos contar con todos os galegos e galegas coa única vontade de que a esperanza se abra paso en Galicia cun cambio de goberno".
Seguir mellorando as condicións materiais de vida das persoas grazas a unha ambiciosa axenda social e territorial
O mesmo día, 22 de novembro, o portavoz de Sumar Galicia, Paulo Carlos López, enviaba unha carta ás máis de 3.500 persoas inscritas na plataforma apelando "á unidade de todas as persoas e organizacións que compoñen este espazo político" e comprometéndose a "seguir tecendo a esperanza e a ilusión que xa está a transformar, con políticas públicas útiles, a nosa realidade cotiá”.
Mañá, en Ourense
As eleccións autonómicas en Galicia inda non teñen data. O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, non desvela cando se celebrarán, deixando no aire o amplo marxe do primeiro semestre do 2024. Sen embargo, Sumar Galicia ponlle velocidade ó seu andar e, mañá, iniciará na cidade de Ourense o "proceso de escoita" aspirando a "aglutinar a intelixencia colectiva das moitas persoas que comparten un proxecto de país aberto e inclusivo, construído desde o diálogo e a escoita". Un acto aberto á participación que terá lugar no Centro Cívico da Ponte, ás 12h., coa intervención de Paulo Carlos López.
O partido pretende ofrecer ás galegas e galegos "un horizonte de seguridade que garanta vidas dignas, tranquilas, con tempo e felices", situando as políticas transformadoras de Sumar no goberno galego. O acordo programático no goberno estatal de Sumar e PSOE "permitirá seguir mellorando as condicións materiais de vida das persoas grazas a unha ambiciosa axenda social e territorial", subliñan dende o partido.
A reducción da xornada laboral, o aumento do SMI e a reforma do despedimento "serán só o comezo dunha transformación que tamén pasa por un claro compromiso de avance no autogoberno galego". Baixo isa premisa, Sumar Galicia presentará nos próximos días a súa comisión promotora, un equipo que será "diverso, competente e plural; e que comparte o desexo dun cambio de goberno que permita inaugurar o país que está por vir", asegura Paulo Carlos López.