ENTREVISTA | Susana Vázquez: "Loitarei para que os veciños do rural teñan os mesmos servizos que a xente da cidade"
Este 2023 non é un ano calquera para a alcaldesa de Porqueira, Susana Vázquez (Forxa, Porqueira, 1973), xa que cumpre dúas décadas á fronte do Concello. O 28 de maio volverá estar nas listas electorais, encabezando a proposta do Partido Popular, co obxectivo de seguir traballando pola veciñanza da localidade e, especialmente, para que a xente que vive no rural teña as mesmas oportunidades e servizos dos que dispoñen as persoas que residen nas cidades.
Xa son 20 anos á fronte do Concello de Porqueira. Que a incentiva a seguir presentándose ás eleccións municipais?
O que máis me motiva é o cariño e o respecto que sinto polos meus veciños de Porqueira. Non hai maior orgullo que ser a alcaldesa do meu concello, no que nacín e no que vivo. Vendo o meu programa do ano 2003, só me queda un punto por cumprir, un parque empresarial para Porqueira, e podes pensar que xa tes todo feito, pero non é así. Isto é coma unha casa, onde sempre quedan obras por facer, polo que non perdo a ilusión e traballamos por novas cousas no noso programa. Estar ao servizo dos meus veciños e poder botarlle unha man en todo o que necesiten sempre será unha motivación para min. O máis importante é axudarlles no día a día, especialmente nun concello coma o noso, no que hai unha poboación moi envellecida. Por outra banda, eu sempre reivindicarei que a xente do rural temos dereito a gozar dos mesmos servizos e oportunidades que teñen as persoas que viven nas cidades. Loitarei por iso mentres siga sendo alcaldesa de Porqueira.
Cal é o segredo de manter a confianza da veciñanza durante tanto tempo sen sufrir certo desgaste?
Creo que o segredo é que durante os catro anos de mandato non deixo de estar en permanente contacto cos meus veciños. Todos teñen o meu teléfono, aquí non se miran cores políticas e eu estou dispoñible para eles 24/7, como di a mocidade. En calquera momento pode soar o móbil e eu irei alí onde me chamen, porque estou a disposición de todos eles. Penso que isto é algo que valoran moitísimo, xa que ao final estás para solucionar eses problemas que parecen pequenos, pero para os veciños son grandes. O Concello é a administración que teñen máis preto e sempre van acudir a nós. Para min, todos eles acaban sendo familia.
Que valoración fai destas dúas décadas como alcaldesa de Porqueira?
Estes 20 anos foron de moito traballo, proximidade, dedicación e cariño por todos os meus veciños. A dedicación nestes anos foi 100% ao Concello de Porqueira, sempre con reivindicacións para o rural. Non descansarei ata que a miña xente esté ao mesmo nivel que calquera veciño dunha cidade, para que poidan vivir no rural dispoñendo dos servizos que precisen, adaptándose á súa realidade. Creo firmemente en que residir no rural é unha gozada, un grandísimo privilexio, polo que sempre loitarei por esa igualdade. Este ano, o Partido Popular di Amor por Ourense e eu só podo dicir Amor por Porqueira 100%.
Que expectativas teñen de cara ao 28 de maio?
Cando chegan as eleccións, eu non son unha persoa optimista. Sempre me gusta traballar ata o último minuto e facémolo coa meta de acadar a maioría absoluta. O que quero é que os meus veciños confíen unha vez máis no equipo que me acompaña, que nesta ocasión está renovado. Traballaremos e visitaremos, como xa estamos facendo, a todos os veciños, dedicándolles o tempo que precisen.
Creo firmemente en que residir no rural é unha gozada, un grandísimo privilexio, polo que sempre loitarei para que a miña xente teña os mesmos servizos que calquera veciño dunha cidade
Por que decidiu renovar o equipo que a acompaña nesta candidatura?
Na lista metemos xente nova, que é moi boa, de Porqueira, vive aquí e relaciónanse cos veciños, sendo un de cada parroquia para que todos estén representados. Decidimos renovar porque temos que pensar tamén no futuro, eu cumpro 20 anos sendo a alcaldesa e hai xente nova que ten que vir por detrás. Por sorte, no noso equipo sempre temos moitos mozos que nos apoian e é unha alegría. Teño que ir dándolles entrada nestas listas para que vaian aprendendo ao noso lado e así se involucren. Chegado o momento, estarán listos para dar o paso. Facer unha transición non é sinxelo e hai que traballalo coa xente nova, porque a política ten un principio e un final. Hai que darlle paso a outras persoas máis mozas, con novas ideas, igual que o fixen eu no 2003 con 29 anos.
Cales son as principais propostas que teñen para Porqueira?
Continuaremos coa humanización de airas e rúas en núcleos tradicionais do concello, a través do Plan URBE e doutro tipo de subvencións. Neste momento, moitas delas están solicitadas e outras aprobadas, que non se chegaron a executar pola campaña electoral. Considero que hai que estar enriba das obras e agora non estou para poder facelo como quixera. No programa tamén levamos a concentración parcelaria en Paradela e Lobios de Sever. Queremos retomala e xa contamos co compromiso do conselleiro de Medio Rural para sacala adiante, en xuño reunirase cos veciños.
En materia de augas, vamos continuar coa mellora e construción de infraestruturas para que a veciñanza teña a calidade máis óptima da auga. O ano pasado sufrimos un verán terrible coa seca e xa fixemos varios pozos de barrena e traídas de auga. Seguiremos nesa liña. Tamén contamos no noso programa coa construción dunha senda peonil entre os núcleos do Toxal e Filgueira, pasando por Eido de Ribeira e os arredores. Farémolo porque é unha zona pola que camiña moita xente, pero moi perigosa, porque son pistas agrícolas e ten habido problemas. Esta obra xa a temos solicitada ante o ministerio que corresponde.
Queremos centrarnos no turismo porque temos un concello fermosísimo e invito a todo o mundo a coñecelo
Neste mandato querémonos centrar no turismo, porque Porqueira é un concello fermosísimo e invito a todo o mundo para que o veña coñecer. Temos a fervenza do río Fírveda que é espectacular e non hai ningunha en toda a comarca. Dispoñemos dunha ruta de sendeirismo, pero traballaremos para que a xente saiba máis dela. En canto á Torre de Porqueira, do século XII e a única que se pode visitar ata o terceiro andar, hai que potenciala e crearemos unhas zonas de lecer na súa contorna.
Seguiremos facendo moitas cousas. Unha delas, que xa temos rematada, é a ampliación da residencia de maiores. Non a abrimos, pero está perfectamente para funcionar. É outro tema que podía usar a nivel político, pero considero que dá moito traballo abrir esa ampliación e, nestes momentos, non lle podía dedicar o 100% nin centrarme nela. A idea é estreala en xuño, aínda que está todo rematado e o único que falta é a contratación do persoal. Do resto, sempre faremos o que soliciten os veciños. Este é o noso programa, pero se no camiño se nos cruza outra cousa, será o que se faga porque é o que quere a veciñanza.